As medidas propostas foron abordadas na Mesa Sectorial de Sanidade que se celebrou hoxe no edificio administrativo de San Lázaro para o inicio dun proceso de negociación
O Servizo Galego de Saúde presenta unha proposta de liñas de actuación de recursos humanos en atención primaria para garantir a cobertura da asistencia sanitaria ante o déficit de profesionais
Unha das principais medidas é considerar os sábados pola mañá como de atención continuada, para o que se crearán novas prazas de medicina de familia, enfermería e persoal de servizos xerais (PSX)
A medida irá acompañada dun procedemento de voluntariedade incentivada que será negociado cos representantes dos traballadores
Reconverteranse de forma excepcional e transitoria todas as prazas vacantes de medicina de familia en prazas de facultativo especialista de atención primaria (FEAP), que inclúen gardas de PAC
O Servizo Galego de Saúde anticipa a adopción de medidas á espera de que o Ministerio de Sanidade presente as directrices para que as autonomías elaboren plans de ordenación de recursos humanos completos antes do 31 de decembro de 2027
Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2025
O Servizo Galego de Saúde presentou na Mesa Sectorial de Sanidade unha proposta de liñas de actuación de recursos humanos en atención primaria, deseñadas co obxectivo de seguir garantindo a cobertura da asistencia sanitaria nun contexto de déficit de profesionais en determinadas categorías e que serán negociadas agora cos representantes dos traballadores.
Entre as medidas propostas está considerar, a partir do 1 de xaneiro de 2026, os sábados pola mañá como de atención continuada (PAC). Así, o Servizo Galego de Saúde ten previsto incrementar prazas nas categorías de medicina de familia, enfermería e persoal de servizos xerais (PSX).
A iniciativa presentada hoxe será negociada en Mesa Sectorial cos representantes do persoal para regular un procedemento de voluntariedade incentivada.
Ademais, e co obxectivo de paliar o déficit de persoal en concreto na categoría de medicina familiar, reconverteranse todas as prazas vacantes desta categoría en facultativo especialista de atención primaria (FEAP), que inclúe a cobertura de polo menos dúas gardas de PAC ao mes.
Hoxe tamén foi presentada ante a mesa sectorial a reconversión progresiva das prazas vacantes de enfermería de primaria en prazas das especialidades de enfermería familiar e comunitaria ou de enfermería pediátrica.
Tamén se prevén realizar concursos específicos para captar profesionais en posesión do título de enfermería familiar e comunitaria que actualmente non estean traballando en centros de saúde. Igualmente, fomentarase a formación de enfermería de familia para a cobertura en primaria de todas as prazas que se creen con esta especialidade.
Así mesmo, a Xunta prorrogará e ampliará a normativa actual para poder captar profesionais para os postos de difícil cobertura.
Con estas medidas propostas na Mesa Sectorial de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde anticípase na adopción de actuacións, tendo en conta que o Ministerio de Sanidade comunicou a próxima publicación, a principios de 2026, da Estratexia estatal de recursos humanos en atención primaria, que será a base sobre a que establecerán os criterios xerais sobre os que cada comunidade autónoma deberá elaborar o seu propio Plan de ordenación de recursos humanos antes do 31 de decembro de 2027.
Ademais de estar á espera das directrices que fixe o Ministerio de Sanidade, cómpre ter en conta que tamén afecta a organización dos recursos humanos a negociación pendente do novo Estatuto Marco do persoal estatutario do Sistema Nacional de Saúde que lle corresponde ao Ministerio de Sanidade.
Desta forma, a Xunta opta por manter a actual carteira de servizos coa cobertura asistencial dos PAC e por negociar cos representantes legais dos traballadores, tanto en Mesa sectorial como nas comisións de centro de cada área sanitaria, o plan de voluntariedade incentivada para a súa cobertura ante ausencias de médicos.