A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe un encontro coa Fundación CEL e cos promotores dalgúns dos proxectos desenvolvidos na aceleradora BFAero

Lorenzana avanza que Lugo será protagonista na Estratexia de Seguridade, Defensa e Aeroespazo, que terá unha partida de 14,8 M€ nos orzamentos de 2026

Anuncia que o Parque Industrial de Rozas acollerá o banco de probas do “Ceo Dixital Europeo” no marco das accións previstas pola Xunta para converter esta infraestrutura nun referente internacional no sector aeroespacial

Avanza que na liña de axudas para investimentos en tecnoloxías duais (civil-defensa), aqueles proxectos que se executen no entorno de Rozas terán maior puntuación nos criterios de valoración

Destaca a creación na provincia dunha aceleradora especializada en proxectos espaciais e que Galicia se posicionará para albergar un Centro de Incubación de Empresas da Axencia Espacial Europea (ESABIC)

Lugo, 18 de outubro de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, acompañada do delegado territorial da Xunta, Javier Arias, avanzou hoxe que a provincia de Lugo vai ter un papel protagonista na Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e Aeroespazo (IESDA), que vai contar cunha partida de 14,8 millóns de euros nos Orzamentos da Xunta do vindeiro ano para poñer en marcha as súas primeiras actuacións.

Así o avanzou nunha xuntanza con representantes da Fundación CEL, que colabora coa Xunta na aceleradora BFAero, e cos promotores dalgúns dos proxectos participantes na última edición. Lorenzana salientou que o obxectivo da nova estratexia é favorecer o desenvolvemento tecnolóxico e empresarial dun sector cun gran futuro pola súa capacidade para a creación de riqueza, captación de talento e emprego de calidade.

Nesta aposta por Lugo, o Parque Industrial de Rozas albergará o primeiro banco de probas en España do “Ceo Dixital Europeo”, anunciou Lorenzana, quen recordou que a semana pasada asinouse unha memoria de cooperación coa empresa común Sesar JU, impulsora deste programa deseñado para unificar o espazo aéreo europeo. Mediante este acordo, Galicia converterase no primeiro banco de probas de España.

A conselleira explicou que Rozas será clave na IESDA e que o obxectivo é “evolucionar o que xa temos hoxe aquí en Rozas e converter o novo parque industrial nun referente europeo do sector do aeroespazo”, xa que é un exemplo emblemático das capacidades da comunidade no ámbito aeronáutico e será parte esencial para o desenvolvemento industrial do resto de Galicia.

Empresas tractoras

Entre as principais medidas que se van poñer en marcha cos orzamentos, María Jesús Lorenzana mencionou a adxudicación dos primeiros grandes contratos de desenvolvemento tecnolóxico coas empresas tractoras que serán socios estratéxicos da Xunta. Tamén, que a principio de ano se convocará a liña de axudas para investimentos en tecnoloxías duais (civil-defensa), na cal se concederá maior puntuación nos criterios de valoración a aqueles proxectos que se sitúen no entorno de parque industrial de Rozas.

Ademais, avanzou a creación dunha aceleradora específica para proxectos espaciais con sede en Rozas e engadiu que existe unha demanda por parte das empresas galegas do sector espacial para que Galicia se posicione para albergar unha aceleradora europea neste eido. “Imos crear unha aceleradora específica e complementaria da actual soamente en espazo, e loitaremos para que esta aceleradora poida entrar dentro dun proxecto europeo importante para reforzar as capacidades tecnolóxicas e industriais deste parque”, anunciou Lorenzana facendo alusión á intención do seu departamento de presentar a candidatura de Galicia para albergar o Centro de Incubación de Empresas da Axencia Espacial Europea (ESABIC).

Así mesmo, Lorenzana manifestou a vontade da Xunta de que todo o traballo desenvolvido ata o de agora no Parque Industrial de Rozas sirva como semente desta Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e Aeroespazo que, de aquí a 2030, vai contar cun investimento público de 183 M€ coa previsión de chegar a mobilizar 900 M€. “Lugo -insistiu a conselleira- vai ter un papel protagonista nesta estratexia no que atinxe ao sector do aeroespazo e para iso imos reforzalo con cargo a este novo orzamento”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/10/2025