O Servizo Galego de Saúde publica o nomeamento e adxudicación de destino definitivo no concurso-oposición e no concurso de méritos para o ingreso en diversas categorías de persoal estatutario
Son nomeados 73 profesionais, 39 polo sistema concurso-oposición e 34 por concurso de méritos, en diversas en diversas categorías de persoal estatutario
Con esta publicación declárase finalizado o concurso-oposición e concurso de méritos para o acceso á condición de persoal estatutario fixo nesas especialidades e categorías
Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2025
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, as resolucións da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde co nomeamento como estatutario fixo dos aspirantes que superaron os procesos selectivos de concurso-oposición, convocados polas resolucións do 14 de decembro de 2022 e do 15 de decembro de 2022, e polo sistema de concurso de méritos, convocados polas resolucións do 26, 27 e 28 de decembro de 2022, para o ingreso en diversas categorías de persoal estatutario.
Isto suporá a incorporación de 73 profesionais ás institucións sanitarias do sistema público de saúde de Galicia con condición de fixeza.
Os 39 aspirantes nomeados polo sistema de concurso oposición pertencen ás especialidades de facultativo especialista en medicina interna (1), en oncoloxía médica (1), en pediatría e as súas áreas específicas (2), en psiquiatría (1), médico coordinador do 061 (1), enfermeiro especialista en enfermaría familiar e comunitaria (13), enfermeiro especialista en enfermaría pediátrica (7), enfermeiro especialista en obstetricia-xinecoloxía (4), fisioterapeuta (8) e terapeuta ocupacional (1).
Os 34 aspirantes nomeados polo sistema de concurso de méritos pertencen á categoría de facultativo especialista de área nas especialidades de: neurofisioloxía clínica (1), en neuroloxía (1), en oftalmoloxía (2), en farmacia hospitalaria (15), en farmacoloxía clínica (1), en inmunoloxía (2); e as categorías de médico de urxencias hospitalarias (1), enfermeiro (11), enfermeiro especialista en obstetricia-xinecoloxía (1), fisioterapeuta (1), terapeuta ocupacional (1), albanel (1), fontaneiro (1), técnico superior en prevención de riscos laborais (1), pinche (2), técnico superior-psicólogo (1), traballador social (1) e técnico en coidados auxiliares de enfermaría (4)
Adxudicación de destino definitivo
Aínda que os procesos selectivos derivados da Lei 20/2021, de 28 de decembro, de estabilización xa están rematados nestas categorías, en execución da base 10.4. da convocatoria prevese que co fin de asegurar a cobertura das prazas convocadas, no suposto de situacións nas que os seleccionados por diversos motivos non continúen no proceso, cubrirase a baixa co aspirante incluído inmediatamente a continuación na relación de seleccionados, pola orde de prelación que resulte da lista definitiva.
Como resultado do anterior, realizouse o terceiro proceso de adxudicación de destino definitivo para as categorías de facultativo especialista de área e médico de urxencias hospitalarias tras os nomeamentos realizados nos meses de abril e xullo de 2025 e o segundo proceso para o resto de categorías, dos cales se realizaron os nomeamentos entre os meses de setembro de 2024 e maio de 2025.
Os aspirantes nomeados disporán do prazo dun mes, a contar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para incorporarse á praza adxudicada. O prazo finaliza o 20 de novembro de 2025.
A falta de incorporación no prazo referido, cando sexa imputable ao interesado e non responda a causas xustificadas, producirá o decaemento do seu dereito a obter a condición de persoal estatutario fixo como consecuencia do concreto proceso selectivo. No entanto, en casos de forza maior, e por instancia do interesado, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde poderá prorrogar o prazo de toma de posesión.
Os aspirantes seleccionados poden dirixir todas as dúbidas e consultas relacionadas co procedemento de elección de destinos ao enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamacións nin recursos.