A Xunta destina preto de 22 M€ en actuacións clave nos concellos da comarca do Deza-Tabeirós cunha aposta histórica polo desenvolvemento das infraestruturas

O delegado territorial, Agustín Reguera, informa das contas para a comarca, que inclúen unha importante partida para a autovía AG-59, así como a nova Edar de Lalín ou a ampliación dos parques empresariais de Toedo e Lalín 2000

O total dedicado á provincia de Pontevedra supera os 4.083 millóns de euros

Pontevedra, 20 de outubro de 2025

A  Xunta de Galicia vén de destinar preto de 22 M€ para a comarca do Deza-Tabeirós no proxecto de Orzamentos 2026, os máis 4.083 M que se investirán, en total, na provincia, segundo revelou hoxe o delegado territorial, Agustín Reguera.

O delegado lembrou as “múltiples obras e iniciativas” levadas a cabo con éxito durante o presente exercicio e sinalou algunhas das principais actuacións previstas nestes orzamentos.

Entre os principais investimentos que se levarán a cabo na comarca, destaca na Estrada,  a continuación das obras da Autovía AG-59 que conta cunha achega de 10 M€ e que suporá unha importante mellora da conectividade da zona, cun especial impacto neste concello. Aínda na Estrada, a ampliación do parque empresaria de Toedo conta cunha partida de 2,4 M de euros. 

No caso de Lalín, a ampliación do parque empresarial Lalín 2000 conta cunha achega de 4,9 M de euros; as obras no IES Ramón Mª Aller Ulloa, que xa están licitadas, contarán cun investimento este ano de 3,17 M de euros; ademais, a Xunta apostará por unha nova base de helicópteros contra incendios. 

Sen embargo, a gran partida que contemplan os orzamentos deste ano 2026 en Lalín é a destinada á nova Edar. En total, esta obra custará máis de 27,6 millóns de euros. 

Pola súa banda, no concello de Silleda a Xunta investirá 500.000 euros para a dotación dunha pista de equitación nas instalacións da Fundación Semana Verde. Ademais, manterá a súa aposta polo impulso aos polos de emprendemento cunha achega aproximada para este concello de 130.000 euros. 

Cabe destacar que, máis alá dos investimentos nomeados, os orzamentos do ano 2026 contemplan unha gran cantidade de pequenas actuacións, así como a prestación de servizos aos que a cidadanía xa está habituada. Nomeadamente as axudas para o alugamento, os bonos e programas de transportes ou a gratuidade da educación dende os 0 anos ata a titulación universitaria. 

O delegado territorial destacou o compromiso da Xunta cos “problemas da cidadanía” e a necesidade de “seguir apostando por sectores especialmente sensibles como a comunicación, o coidado do medio ambiente, a sanidade ou a educación”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/10/2025