A Xunta apoia con 82.000 euros a mellora da xestión dos residuos de competencia municipal de Ponteareas
Esta liña de axudas beneficiou a un total de 24 concellos da provincia de Pontevedra, dous deles da comarca do Condado-Paradanta
O total investido na provincia supera os 900.000 euros
Ponteareas (Pontevedra), 20 de outubro de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o punto limpo móbil do concello de Ponteareas, que foi un dos beneficiados polas axudas da Xunta a entidades locais para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal.
Así, Ponteareas recibiu máis de 73.000 euros como parte da liña destinada á adquisición de puntos limpos móbiles e 9.000 euros para adquisición de puntos limpos de proximidade grazas á cal poderá achegar este servizo a boa parte dos seus veciños e veciñas.
O delegado territorial aproveitou a visita para lembrar o compromiso da Xunta cun tratamento responsable dos residuos e asegurou que “a Xunta está moi comprometida co coidado do medio ambiente e está disposta a colaborar cos concellos en todo o posible para manter unha contorna limpa, saudable e agradable para todos os galegos e galegas”.
Cabe destacar que estas axudas beneficiaron a un total de 24 concellos da provincia de Pontevedra por valor de máis de 900.000 euros.