A Xunta dá luz verde ambiental condicionada á instalación dun campamento turístico en Carballo

A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que a actuación teña impactos significativos sobre a contorna se se cumpren os condicionantes fixados no propio informe ambiental e na documentación avaliada

A nova instalación contará cun total de 30 cabanas de madeira nunha superficie de máis de 23.000 m2

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2025

A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental condicionado ao proxecto para implantar un campamento de turismo na parroquia de Artes, no concello de Carballo, concretamente, nunha parcela cunha superficie total de máis de 23.000 m2.

Segundo se conclúe no informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, non son previsibles efectos adversos significativos sobre a contorna derivados deste proxecto, sempre e cando se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental e na restante documentación analizada, como na propia resolución da Xunta.

Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa empresarial, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública, sen que se recibise ningún escrito ou alegación ao respecto, ao tempo que se someteu a consultas por parte dun total de dez organismos interesados.

Froito desas consultas, foron establecidos algúns condicionantes que se recollen na resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade. O informe de impacto ambiental marca tamén o contido que deberá ter o programa de vixilancia e seguimento ambiental, que terá que elaborar o promotor do proxecto.

Así, esas avaliacións consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha cumprindo certos requisitos establecidos nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, poboación e saúde, das augas e leitos fluviais, do solo e as infraestruturas, da xestión de residuos, da integración paisaxística e restauración, así como do patrimonio natural e cultural.

Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, a Consellería dálle publicidade ao seu contido a través do anuncio publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia e da súa posta á disposición a través da páxina web da Consellería. Ademais, remitirase ao órgano substantivo, que neste caso é a Axencia Turismo de Galicia.

Características do proxecto

O obxecto do proxecto é a instalación dun campamento de turismo nunha parcela de máis de 273.134 m2, dos que 23.050 se destinarán ao desenvolvemento da actividade. O campamento localizarase no centro da parcela e estará composto por 30 cabanas prefabricadas e revestidas de madeira, con capacidade de aloxamento para ata 110 persoas, ademais dunha cabana destinada a recepción, tenda e lavandería.

As actuacións tamén contemplan a retirada da plantación de eucalipto e piñeiro presente na zona de acampada e a súa restitución po caducifolias autóctonas.

Data de actualización: 21/10/2025