A Xunta exixe un plan de contixencia para garantir que a nova EDAR da Silvouta non cause máis vertidos

Augas de Galicia estudará posibles sancións polo episodio contaminante ao Sar e analizará a obriga dos responsables de devolver o río ao seu estado anterior

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2025

A Xunta, a través do organismo hidráulico Augas de Galicia, reclamou hoxe aos responsables e titulares da nova EDAR da Silvouta, en Santiago de Compostela, que elaboren un plan de continxencia para garantir que non se produzan máis vertidos ao río Sar debido aos problemas detectados durante a súa fase de posta en marcha.

Así o trasladou o director de Augas de Galicia, Roi Fernández, durante a reunión da comisión de seguimento da depuradora compostelá celebrada esta mañá e na que se analizaron os incumprimentos detectados na autorización de vertido provisional coa que conta a referida infraestrutura e que nos últimos días están a ter efectos visibles na canle do río Sar ao seu paso por varios municipios da contorna.

Neste sentido, o responsable de Augas trasladou aos membros da comisión de seguimento (na que tamén participaron Acuaes, promotora da infraestrutura, e o Concello de Santiago, titular) que hai protocolos de traballo que non se están cumprindo e que tampouco se están a acompasar os tempos de entrada en servizo de cada fase para que o funcionamento da depuración se manteña. 

Así, técnicos do organismo hidráulico verificaron que moitas das augas que chegan desde a EDAR se verten sen tratar ou despois de pasar só por un pretratamento de desbaste. De feito e aínda que os primeiros avisos por vertidos no río se recibiron hai unha semana, non foi ata onte cando se activou na EDAR da Silvouta un proceso físico-químico completo que substituíse polo menos parcialmente ao proceso normal biolóxico en execución. 

Na mesma liña, os parámetros que se detectaron tomando mostras antes e despois do punto de vertedura evidencian erros no procedemento de traballo que non pode asumir un medio hídrico xa moi tensionado como o río Sar.

En todo caso, tras a xuntanza Augas de Galicia confía en que tanto o promotor Acuaes como o titular da autorización de vertedura, o Concello de Santiago, exixan de maneira inmediata á UTE construtora que extreme o cumprimento do pactado, trasladando ademais todas as implicacións que poderá ter calquera incumprimento sucesivo e non só desde o punto de vista administrativo.

Neste sentido, cómpre lembrar que ademais de estudar posibles sancións polos aportes contaminantes ao dominio público hidráulico, analizarase a obriga por parte dos responsables da depuradora de devolver o río ao estado que presentaba antes dos vertidos mediante as medidas de restauración que se estimen oportunas.

Data de actualización: 21/10/2025