A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse hoxe no Parador de Verín cos rexedores dos 10 municipios pertencentes á Confederación Hidrográfica do Douro

A Xunta brindará o seu apoio económico aos concellos da cunca do Río Douro para impulsar a mellora do servizo de depuración de augas na comarca

Tras lembrar o compromiso de colaboración asumido polo presidente hai uns meses, Ángeles Vázquez salienta a aposta do Goberno galego por apoiar aos concellos máis pequenos nun eido fundamental para o medio ambiente como é a depuración

Avanza que Augas de Galicia volverá convocar en 2026 algunhas das súas axudas de máis éxito e avanza que as achegas a concellos e particulares para sistemas de depuración autónomos se estenderán por primeira vez ao conxunto da comunidade

Monterrei (Ourense), 21 de outubro de 2025

A Xunta de Galicia garante o seu apoio económico aos concellos que se subministran da cunca do río Douro co fin de determinar e levar a cabo as actuacións necesarias para conseguir unha mellora do sistema de depuración de augas residuais nesta comarca ourensá.

Así o avanzou esta mañá no Parador de Verín a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, no marco dunha reunión que mantivo coa presidenta da Confederación Hidrográfica do Douro e cos alcaldes dos 10 municipios que integran esta demarcación —A Gudiña, A Mezquita, Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín e Vilardevós—.

Acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e o xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, a responsable autonómica lembrou que o compromiso de colaboración neste eido xurdira no marco dunha reunión celebrada hai uns meses entre o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e varios alcaldes da Mancomunidade de municipios da comarca de Verín.

Neste sentido e tras explicar que estes concellos solicitaran unha importante axuda con cargo a fondos FEDER (que acaba de serlles concedida provisionalmente), Ángeles Vázquez ratificou o compromiso da Xunta de contribuír economicamente a este proxecto, un esforzo que enmarcou na aposta de Augas de Galicia por apoiar técnica e financeiramente a entidades locais máis pequenas, como son as da conca do Douro, nun eido fundamental para o medio ambiente como é a depuración das augas residuais.

En todo caso, precisou que, como primeiro paso, haberá que desenvolver os proxectos pertinentes, agardar á resolución definitiva da axuda europea e, a partir de aí, facer as cuantificacións e planificar as anualidades necesarias para levar a cabo os traballos.

Ao respecto, a titular de Medio Ambiente aproveitou a xuntanza para lembrar que o próximo ano Augas de Galicia disporá dun orzamento global de 151,72 millóns de euros, case un 5,5% máis que este ano, uns fondos que lle permitirán seguir mantendo o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para o exercicio das súas competencias en materia de abastecemento, saneamento e depuración.

De feito, asegurou que en 2026 o organismo hidráulico volverá convocar as súas principais liñas de axudas, destacando entre elas algunhas das que máis éxito tiveron este ano, como son as subvencións para reducir as infiltracións nas redes de saneamento municipal, dirixidas a concellos de menos de 20.000 habitantes e no marco das cales se concederon este ano 53 achegas.

Ademais, tamén avanzou que en 2026 as ordes de axudas de Augas de Galicia dirixidas a concellos e a particulares para a instalación de sistemas de depuración autónomos se estenderán por primeira vez ao conxunto da comunidade, de xeito que non só se beneficiarán, como ata o de agora, os municipios e a veciñanza da Demarcación Galicia-Costa senón tamén os do resto de confederacións hidrográficas, entre elas, a do Douro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/10/2025