A Xunta pon en valor os Orzamentos de 2026 que consolidan un modelo fiscal propio, responsable e sostible
O Goberno galego fai compatible un sistema fiscal competitivo cuns servizos públicos de calidade
As contas do vindeiro ano manteñen as rebaixas fiscais dos últimos anos e continúan a incrementalas, con beneficios maiores para quen máis os precisa
Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2025
A Xunta pon en valor os Orzamentos de 2026 que consolidan un modelo fiscal propio, responsable e sostible. Así o explicou o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, esta mañá no Parlamento de Galicia, onde respondeu a unha interpelación sobre a política fiscal desenvolta polo Goberno galego.
Durante a súa intervención, Miguel Corgos defendeu que Galicia exerce a súa autonomía fiscal e fai compatible a rebaixa da presión fiscal co reforzo continuo dos servizos públicos. Este modelo vense consolidando no tempo, con medidas axeitadas á conxuntura económica.
Un modelo, que segundo explicou o responsable da Facenda galega, permite que cada ano uns 115.000 galegos e galegas se beneficien das rebaixas selectivas de impostos aprobadas pola Xunta desde o ano 2016, aos que hai que engadir “todos os contribuíntes que fan a declaración do IRPF beneficiados polas catro baixadas do tramo autonómico desde 2014 e a deflactación dos tres primeiros tramos en 2022”.
Potenciar as rebaixas para quen máis o precisa
Neste marco, o conselleiro de Facenda destacou os alivios fiscais selectivos incluídos nos Orzamentos 2026, que favorecen a colectivos prioritarios.
Así, as contas do vindeiro ano consideran colectivo prioritario para o acceso á vivenda ás familias monoparentais cun límite de patrimonio, que terán redución do Imposto de Transmisións Patrimoniais (ITP) ata o 3%, que pode chegar ata a súa eliminación en ZPP. Tamén en relación á vivenda, elévase de 200.000 a 240.000 euros o límite de prezo dunha vivenda para poder beneficiarse de tipos reducidos.
Tamén lembrou que as familias con rendas de ata 30.000€ per cápita poden deducirse o 15% dos seus gastos por libros e material escolar, xa con carácter retroactivo para este ano.
Miguel Corgos salientou que, aproveitando unha figura única no dereito galego, o contrato vitalicio, se reduce á metade (do 8% ao 4%) o tipo do Imposto de Transmisións, para que unha persoa maior dependente poida ceder algúns dos seus bens a cambio de coidados.
Outra das novas medidas destinadas a axudar a colectivos vulnerables é a eliminación no IRPF da cota íntegra autonómica das axudas aos afectados por ELA.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública ligou o mantemento deste modelo fiscal competitivo ao control do déficit público e ao endebedamento responsable que o Goberno galego leva sostendo nos últimos 15 anos, “blindando a solvencia e a sostibilidade das contas públicas”.
Condonación e sistema de financiamento
Para Miguel Corgos, Galicia non ten un problema de débeda, senón de financiamento, polo que a condonación ofrecida polo Goberno central é, en realidade, unha mutualización que prexudica á cidadanía galega, xa que aumenta a súa débeda total en 600 M€.
Polo tanto, o conselleiro de Facenda concluíu pedindo un mellor sistema de financiamento para Galicia que achegue “500 millóns de euros adicionais cada ano para compensar os maiores gastos que temos nas prestación dos servizos pola nosa dispersión, única en España”.