O delegado territorial da Xunta supervisou esta mañá, acompañado da alcaldesa, o remate das obras

A Xunta inviste preto de 50.000€ para dotar dunha nova biblioteca ao IES Aquis Querquernis no concello de Bande

Na súa estadía no centro, o delegado territorial referiuse á partida destinada ao eido educativo dos novos orzamentos que inclúen oito intervencións xa comprometidas cun orzamento de máis de 15 M€

Manuel Pardo puxo en valor que a Xunta está a investir máis de 58M€ en 690 actuacións na provincia de Ourense. Delas, 38 son grandes obras por un importe de máis de 29M€; outras sete (205.000 €) son instalacións fotovoltaicas e 637 son pequenas obras do verán, por importe de 13,6 M€

As obras que se desenvolveron neste centro educativo consistiron no subministro e instalación de calefacción con tubaxes e radiadores de aluminio; e colocación de carpintería con rotura de ponte térmica con motorización de ventás

Ourense, 22 de xaneiro de 2025

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta maña ao concello de Bande para, acompañado da súa alcaldesa, Sandra Quintas, supervisar esta mañá o remate de distintas obras que se levaron a cabo para dotar dunha nova biblioteca ao IES Aquis Querquernis, nas que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional investiu preto de 50.000€.

Na súa estadía no centro, o delegado territorial puxo en valor que a Xunta está a investir máis de 58M€ en 690 actuacións na provincia de Ourense. Delas, 38 son grandes obras en distintas fases (rematadas, en execución e licitadas) por un importe de máis de 29M€; outras sete (205.000 €) son instalacións fotovoltaicas e 637 son pequenas obras do verán, por importe de 13,6 M€. Ademais, hai oito intervencións xa comprometidas cun orzamento de máis de 15 M€; entre elas destaca o inicio da construción do que será o primeiro instituto do Pereiro de Aguiar, o Padre Feijóo, que conta cun investimento estimado de 9,5M€.

Manuel Pardo salientou que entre as obras de maior investimento destacan as ampliacións dos institutos IES Xesús Ferro Couselo (Ourense, 2,7 M€) e Manuel Chamoso Lamas (O Carballiño, 2,4 M€), do CEIP Ben-Cho-Shey (O Pereiro de Aguiar, 2 M€) e do IES Eduardo Blanco Amor (Ourense, 1 M€), así como as rehabilitacións integrais do IES Eduardo Blanco Amor (Ourense, 1,2 M€) e IES As Lagoas (Ourense, 1,1 M€), así como a renovación das carpintarías do IES Celanova Celso Emilio Ferreiro (1,1 M€).

O representante do Goberno galego lembrou que o Plan de nova arquitectura pedagóxica, que, na súa segunda fase, eleva o seu investimento global a preto de 500 millóns de euros ata 2028, busca a mellora integral dos centros educativos galegos mediante actuacións orientadas á integración dos edificios no espazo urbano, á mellora dos seus exteriores, á creación de espazos de socialización, á optimización da distribución interior e á aposta pola eficiencia enerxética.

As actuacións no IES Aquis Querquernis

As obras que se desenvolveron  neste centro educativo consistiron no subministro e instalación de calefacción con tubaxes e radiadores de aluminio; e colocación de carpintería con rotura de ponte térmica con motorización de ventás.

Tamén se levou a cabo a instalación eléctrica da nova biblioteca con colocación de seis postos de traballo con conexión ao rack existente; e o cableado libre de halóxenos para interruptores e bases de traballo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/10/2025