O presidente da Xunta participou hoxe na entrega dos Premios Ángela Ruiz Robles á excelencia académica

Rueda pon en valor a busca da excelencia por parte do alumnado das universidades galegas como parte da marca Galicia Calidade

“Son unha parte moi importante desa calidade que queremos que se recoñeza, se aplauda e se exporte ao mundo”, salientou

Agradece aos estudantes e as familias que defenden a cultura do esforzo e o traballo porque son as que permiten “que esta terra teña futuro”

Nesta edición dos premios, recoñécese o mérito de 790 estudantes de todas as ramas do coñecemento

Salienta que en Galicia sexa posible estudar de balde desde a escola infantil ata a universidade

As achegas da Xunta ás universidades volven medrar nos Orzamentos de 2026 e acadan un máximo histórico de 560 M€

O Sistema Universitario de Galicia conta co Plan de Financiamento 20202-2026, dotado con 3.100 M€, que permite que Galicia sexa a primeira comunidade autónoma en acadar o 1 % do PIB en investimento público universitario

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2025

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, participou hoxe na cerimonia de entrega dos Premios Ángela Ruiz Robles aos mellores expedientes universitarios, onde salientou que estes galardóns son un reflexo da Galicia que aposta pola excelencia, a igualdade de oportunidades e o coñecemento como motor do progreso. “Galicia Calidade non son só paisaxes ou gastronomía. Son as cousas que facemos e como sabemos facelas. Os profesores e os alumnos que intentan dar o mellor e sempre se esforzan son unha parte moi importante desa calidade que queremos que se recoñeza, se aplauda e se exporte ao mundo”, indicou.

Rueda, acompañado polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, agradeceu aos estudantes e as familias que creen que “esforzarse, traballar e investir no futuro vale a pena” porque grazas a eles “esta terra terá futuro”.

Nesta liña, lembrou que a obriga do Executivo autonómico “é facilitar unha educación de calidade” e garantir a igualdade de oportunidades. Por iso, as achegas da Xunta ás universidades volverán medrar nos Orzamentos de 2026 e acadan un máximo histórico de case 560 M€ (558,9 M€), o que supón 20 M€ máis que o ano pasado, un incremento de case o 4% (3,8 %).

Ademais o titular do Goberno galego insistiu en que a excelencia tamén se mide pola igualdade de oportunidades, e destacou que Galicia é a primeira comunidade cun sistema completamente gratuíto desde a etapa infantil ata a universidade. Asegurou que iniciativas así “son as que definen a un país que aposta polo futuro”.

Nos dous anos de implantación da matrícula universitaria gratuíta, beneficiáronse máis 28.000 estudantes. Esta medida, xunto coas conxelación de taxas universitarias, supoñen un aforro de máis de 20 M€ anuais para as familias galegas.

Premiados nesta edición

Nesta edición, recoñécese o mérito de 790 estudantes das universidades galegas -case o 60% mulleres-, de todas as ramas de coñecemento, que acadaron as mellores cualificacións nos seus graos universitarios nos cursos 2022/2023 e 2023/2024. Deles, 132 repiten galardón en ambos cursos, o que amosa a súa traxectoria de rendemento continuado. A Xunta destina preto de 2 millóns de euros a estes premios, co obxectivo de incentivar e recompensar o esforzo e a excelencia académica.

Apoio ao sistema universitario

A Xunta ten en marcha o Plan de Financiamento 2022-2026 a través do cal se mobilizan 3.100 millóns de euros, o que supón un incremento de 700 millóns respecto ao anterior. Grazas a este investimento, Galicia é a primeira comunidade autónoma en acadar o 1 % do PIB en investimento público universitario, o que garante estabilidade e capacidade de planificación ás universidades galegas.

A este financiamento hai que sumar o Plan de Infraestruturas Universitarias 2023-2026, cun orzamento de 40 M€, que está a permitir modernizar os campus galegos con proxectos singulares como o novo edificio da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo de Ourense, ou o da Facultade de Farmacia de Santiago.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/10/2025