A conselleira de Política Social e Igualdade respondeu unha pregunta oral no Pleno

A Xunta comprométese a asumir en solitario a suba dos convenios colectivos da discapacidade

Fabiola García lembrou que nos últimos anos se crearon novas prazas públicas para a atención das persoas con discapacidade ata acadar as máis de 5.900

Neste senso, a conselleira fixo fincapé na colaboración coas entidades sociais para seguir mellorando a atención dos usuarios e das familias

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, trasladou no Parlamento o compromiso da Xunta con todas as entidades sociais, polo que avanzou que o Goberno galego asumirá en solitario “como sempre fixo” a suba dos convenios colectivos do persoal da discapacidade.

A conselleira lembrou que a Xunta “puxo en marcha recentemente o concerto social”, unha modalidade de contratación que responde ás demandas históricas do sector e que supuxo – recalcou- un incremento no seu momento do 30% no prezo das prazas concertadas. Así, indicou que cada  ano o Goberno galego destina máis de 100 millóns de euros para “dar maior tranquilidade ás familias, estabilidade ás entidades e unha mellor atención aos usuarios”.

Deste xeito, a nova suba dos convenios colectivos estatais para o persoal que traballa no sector da atención á discapacidade, aprobada este mesmo ano, supón – explicou a conselleira- un incremento importante no prezo do concerto social e que a Xunta asumirá con retroactividade e en solitario, sen ningunha achega do Goberno central.

Nesta liña, Fabiola García sinalou que o compromiso da Xunta con todas as persoas con discapacidade se demostra ano a ano con feitos como o incremento de prazas públicas ata acadar as máis de 5.900; a colaboración coas entidades para impulsar recursos como a nova residencia de autismo de Friol, o centro para saúde mental das Pontes ou a ampliación das instalacións de Dano Cerebral Santiago; así como a liña de axudas de máis de 13 millóns de euros nos últimos tres anos para a creación e mellora de recursos para a discapacidade.

A conselleira aproveitou a súa resposta no Pleno para esixir novamente ao Goberno central que deixe de poñer trabas na atención á discapacidade e á dependencia tal e como está facendo co recurso de inconstitucionalidade ás homologacións impulsadas pola Xunta e que xa benefician a máis de 10.000 galegos. Así mesmo, lembrou que a débeda do Executivo central cos galegos nesta materia segue aumentando ano a ano polo incumprimento da financiación que marca a Lei.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/10/2025