O conselleiro de Sanidade interveu hoxe no pleno do Parlamento en relación co balance asistencial do Servizo Galego de Saúde no primeiro semestre de 2025
Gómez Caamaño destaca a redución en máis de 14 días da espera para a consulta co especialista, que sitúa a Galicia en case 48 días menos que a media estatal
Sinala a comunidade como un exemplo de transparencia no ámbito das listas de espera hospitalarias, publicando máis información da establecida nos parámetros estatais e presentando os datos de maneira anticipada ao Ministerio de Sanidade
Pon en valor que a sanidade pública galega fose capaz de realizar no primeiro semestre do ano máis cirurxías, máis consultas e máis probas diagnósticas, reducindo os tempos e o número de pacientes en espera
Subliña que todas as áreas sanitarias galegas están por baixo da media nacional en canto a esperas cirúrxicas e de consultas, con tempos de agarda aínda máis baixos no caso dos hospitais comarcais, que garanten a equidade territorial
Remarca que estes bos datos débense ao esforzo dos profesionais e á estabilidade dun modelo de xestión sanitaria que pon por diante os intereses dos pacientes
Remarca que os Orzamentos da Xunta para o vindeiro ano medran especialmente na sanidade pública, con máis recursos para infraestruturas, para equipamento e con máis dotación de persoal sanitario
Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou que no primeiro semestre de 2025 se reduciu en máis de 14 días o tempo de espera para a consulta co especialista con respecto ao mesmo período do ano anterior, un dato que sitúa a Galicia en case 48 días menos que a media estatal. Así os galegos agardan 57,3 días para unha consulta, mentres que no resto de España teñen que esperar 105 días, segundo o último informe publicado polo Ministerio de Sanidade.
O titular da carteira sanitaria da Xunta detallou no Parlamento os datos de lista de espera correspondentes ao primeiro semestre do ano, que reflicten que a cidadanía galega sitúase entre a que menos agarda do Sistema Nacional de Saúde por unha intervención cirúrxica, unha consulta co especialista ou por unha proba diagnóstica.
O conselleiro incidiu en que Galicia é un exemplo de transparencia no ámbito das listas de espera hospitalarias, publicando máis información da establecida e presentando os datos de maneira anticipada, posto que, a día de hoxe, o Ministerio de Sanidade aínda non fixo públicos os datos do conxunto de España, mentres que os das sete áreas sanitarias do Sergas están publicados desde o nove de outubro.
Gómez Caamaño puxo en valor que a sanidade pública galega foi capaz de realizar no primeiro semestre do ano máis cirurxías, máis de consultas e máis probas diagnósticas, reducindo os tempos e o número de pacientes en espera.
En concreto, a data 30 de xuño, o tempo medio de espera para unha intervención cirúrxica en Galicia é de 69,3 días, o que supón 1,8 días menos que no mesmo período do ano anterior e moi por baixo da media do Estado, que no seu último informe publicado contemplaba 126 días, o que refire que os galegos e galegas agardan para operarse 56,7 días menos que a media de España.
Ademais, só o 4,2 % dos pacientes galegos teñen que esperar máis de 180 días para unha operación, fronte ao 20,5 % do conxunto de España.
Así mesmo, o conselleiro subliñou que o Sergas non só reduciu os tempos de espera, senón que tamén aumentou a actividade cirúrxica, facendo case 1.700 operacións máis que no primeiro semestre de 2024 e reducindo en máis de 1.000 persoas o número de pacientes que agardan por unha operación.
Respecto das cirurxías de prioridade 1, en Galicia realízanse de media en 17,7 días, moi por baixo do límite legal establecido en 30 días. Engadido ao anterior, o conselleiro sinalou que no primeiro semestre do ano rexistráronse 2.024 operacións con robot cirúrxico, un 8 % máis que no mesmo período do ano anterior.
A mellora tamén é notable no campo das consultas, cun incremento da actividade é cunha redución do 12 % dos pacientes pendentes, case 26.000 doentes menos en espera.
Gómez Caamaño tamén referiu no Parlamento o incremento de preto dun 3 % máis de probas diagnósticas realizadas, sen aumentar os tempos de espera.
Outro dato que puxo en valor polo máximo responsable do Sergas son as vías rápidas de cancro, que acadaron unha media de 6,6 días de espera, moi por baixo dos 15 días establecidos e cun incremento do 7,5 % da actividade.
No que atinxe ao Decreto de Garantías de tempos máximos, máis de 31.000 pacientes se beneficiaron desta medida no primeiro semestre do ano, e xa son máis de 370.000 galegos e galegas os que viron garantido o seu dereito a un tempo máximo de atención desde a súa entrada en vigor en 2018.
Agradecemento aos profesionais e resultados dos hospitais comarcais
Na súa intervención no Pazo do Hórreo, o conselleiro incidiu en que estes bos datos débense ao esforzo dos profesionais e á estabilidade dun modelo de xestión sanitaria que pon por diante os intereses dos pacientes.
Todas as áreas sanitarias galegas están por baixo da media nacional en canto a esperas, cirúrxicas, cunha notable evolución con respecto ao pasado ano da área de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, que presentou unha diminución de 20 días; e a de Pontevedra e O Salnés, con 10 días menos que na mesma data do ano pasado.
Tamén destacou o conselleiro o papel dos hospitais comarcais, que amosan resultados excelentes e garanten a equidade territorial, posto que en todos eles o tempo para operarse está por baixo da media galega de 69,3 días.
Para rematar a súa intervención, Gómez Caamaño destacou que os Orzamentos da Xunta para o vindeiro ano medran especialmente na sanidade pública, con máis recursos para infraestruturas, para equipamento e con máis dotación de persoal sanitario.