A Xunta aposta en Melide pola formación orientada a reforzar o tecido comercial no marco da colaboración coa Federación Galega de Comercio

Melide (A Coruña), 23 de outubro de 2025

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, deu hoxe a benvida en Melide ás persoas participantes nunha nova sesión formativa no marco do programa Impulsa Comercio Galicia, unha iniciativa da Federación Galega de Comercio que conta co apoio do Goberno autonómico no marco do convenio de colaboración que busca avanzar na promoción comercial, asesoramento e formación e no impulso da dixitalización. Así, este programa extraordinario de formación e asesoramento está dirixido ao sector comercial galego, co fin de reforzar as súas competencias profesionais.

A sesión de hoxe celebrouse na sede da Asociación de empresarios Terra de Melide (Asetem) e estivo centrada en xestión e estratexia. Cómpre recordar que estas formacións se centran noutras tres grandes áreas, que son dixitalización, márketing e vendas e tendencias e sustentabilidade. A maiores, cabe engadir que en paralelo ao programa Impulsa Comercio Galicia e tamén ao abeiro do devandito convenio, impártese aos profesionais do comercio formación sobre facturación electrónica co fin de que actualicen os seus coñecementos e contribuír a impulsar a competitividade do sector.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/10/2025