A Xunta renova o seu apoio á ‘Cross Ponte Romana’ de Lugo, que celebra a 8ª edición os días 1 e 2 de novembro
O vivariense Adrián Ben competirá nas probas de elite xunto con outras grandes figuras do atletismo que se darán cita na cidade
Lugo, 23 de outubro de 2025
A Xunta, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, renova o seu apoio á Cross Ponte Romana de Lugo, que celebra a oitava edición a fin de semana do 1 e o 2 de novembro. Como en anos anteriores, as competicións desenvolveranse nos exteriores do Pazo de Feiras e Congresos.
O delegado territorial, Javier Arias, participou hoxe na presentación do campionato, incluído no calendario oficial da Real Federación Española de Atletismo. O programa ofrece probas para todas as idades.
A inscrición pode realizarse a través da web oficial do evento e da páxina ccnorte.com. Polo momento hai 590 deportistas rexistrados nas diferentes categorías. Como actividade paralela, haberá un cross popular para todos aqueles que queiran probar esta modalidade deportiva. Ademais, o sábado disputarase unha competición de relevos mixtos para as categorías sub10, sub12, sub14 e sub16.
Arias resaltou a consolidación desta cita como “un dos mellores crosses que se desenvolven en España”, cunha alta participación e a presenza de grandes figuras do atletismo que se dan cita en Lugo para competir nas probas profesionais.
Entre os nomes confirmados nas competicións de elite masculina está o vivariense Adrián Ben, campión de Europa de 800 metros en pista corta; finalista olímpico e mundial de 800 m. e finalista mundial de 1.500 metros en Tokio 2025. Foi o gañador da Cross Ponte Romana 2023. Tamén estarán Moha Attaoui -bronce europeo en 800 metros, finalista olímpico e quinto do mundo en Tokio 2025-; Víctor Ruiz Orden, David de la Fuente, Medhi El Nabaoui ou Carlos López Moral.
Na elite feminina competirán Águeda Marqués, finalista olímpica de 1.500 metros, campioa de España de 3.000 m. short track e triple gañadora da Cross Ponte Romana nas edicións de 2022 a 2024. Tamén estarán María Forero -campioa de Europa sub23 de 5.000 m. ao aire libre e sub 20 de cross-; María Pía Fernández ou Andrea Romero Escandell, entre outras figuras de máximo nivel.