A Xunta dá luz verde ambiental condicionada a un proxecto de cultivo experimental de preengorde de ameixa en batea na ría de Arousa
A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que a actuación teña impactos significativos sobre a contorna se se cumpren os condicionantes fixados no propio informe ambiental e na documentación avaliada
O proxecto desenvolverase en tres cuadrículas do polígono B nas proximidades do porto da Pobra do Caramiñal
Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2025
A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental condicionado ao proxecto para desenvolver un proxecto de cultivo experimental de preengorde de ameixa en batea na ría de Arousa.
Segundo se conclúe no informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, non son previsibles efectos adversos significativos sobre a contorna derivados deste proxecto, sempre e cando se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental e na restante documentación analizada, como na propia resolución da Xunta.
Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa empresarial, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública, sen que se recibise ningún escrito ou alegación ao respecto, ao tempo que se someteu a consultas por parte dun total de dez organismos interesados.
Froito desas consultas, foron establecidos algúns condicionantes que se recollen na resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade. O informe de impacto ambiental marca tamén o contido que deberá ter o programa de vixilancia e seguimento ambiental, que terá que elaborar o promotor do proxecto.
Así, esas avaliacións consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha cumprindo certos requisitos establecidos nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, poboación e saúde, das augas e leitos mariños, das infraestruturas, da xestión de residuos, da integración paisaxística e restauración, así como do patrimonio natural e cultural.
Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, a Consellería dálle publicidade ao seu contido a través do anuncio publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia e da súa posta á disposición a través da páxina web da Consellería. Ademais, remitirase ao órgano substantivo, que neste caso é a Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar.
Características do proxecto
O proxecto refírese á autorización temporal con carácter experimental para o preengorde de semente de diversas especies de ameixa -babosa, fina, xaponesa e loura- batea, coa finalidade de obter semente para o seu cultivo posterior nos bancos marisqueiros ou en parques de cultivo.
O proxecto desenvolverase arredor das cuadrículas 95, 96 e 97 do polígono B, do distrito O Caramiñal, na ría de Arousa, próximo ao porto da Pobra do Caramiñal. En concreto, as instalacións -bateas reutilizadas de eucalipto de 550 m2 con catro flotadores de 14,4 m2- localízanse nas liñas de cuadrículas de bateas enfrontadas á costa e están integramente en dominio público marítimo-terrestre.