O xerente do Consocio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o alcalde de Outes, Francisco Calo, comprobaron hoxe o avance das obras
A Xunta financia a mellora do centro de día de Outes, que forma parte da rede pública autonómica
Invístense preto de 20.000 euros nesta actuación, centrada na impermeabilización das fachadas e terrazas do equipamento
Outes (A Coruña), 23 de outubro de 2025
O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou esta maña as obras de mellora que se están a executar no centro de día para persoas maiores de Outes, pertencente á rede pública autonómica. Destínanse preto de 20.000 euros a diversas actuacións no exterior do inmoble, que afectan principalmente ás fachadas e terrazas.
Perfecto Rodríguez, que estivo acompañado do alcalde, Francisco Calo, explicou que esta intervención é froito dun convenio de colaboración asinado co concello despois de que o pasado verán visitara o equipamento para coñecer as necesidades que tiña e programar as melloras que agora están en execución. En concreto, estas consisten na impermeabilización da fachada posterior do edificio, que dá ao patio interior de uso exclusivo do centro e onde se renovará o mobiliario. Tamén se está traballando na impermeabilización de terrazas e balcóns; na instalación de novos falsos teitos e na renovación da rede de saneamento e das baixantes.
O xerente do Consorcio puxo en valor a importancia do traballo conxunto entre administracións para poñer a disposición das familias infraestruturas e servizos de calidade. Neste sentido, avanzou que está previsto acometer novas reformas neste servizo o vindeiro ano, coa finalidade de seguir avanzando na súa mellora.
O centro de día de Outes, ten 30 prazas de capacidade e a el acoden cada xornada persoas maiores desta localidade e tamén dos municipios próximos de Noia, Mazaricos e Negreira.