A Xunta denuncia que as axudas do Goberno central para persoas con ELA só chegaran ao 5% dos doentes e que os obrigará a someterse a unha nova valoración
O Goberno galego considera que o acceso ao novo grao III+ “será extremadamente complexo”, xa que moitos dos enfermos falecen antes de cumprir os novos requisitos que se esixirán aos que estean en fases máis avanzadas
Advirte que o Executivo central supedita a concesión destas axudas en 2026 á aprobación duns novos Presupostos Xerais do Estado
Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2025
A Xunta de Galicia denunciou esta mañá na reunión do Consello Territorial de Servizos Sociais que as axudas para as persoas con ELA comprometidas esta semana polo Goberno central só chegarán ao 5% dos doentes, deixando fóra á maioría dos doentes debido aos criterios establecidos para acceder a elas.
O Goberno galego detallou que o Real Decreto establece a creación dun novo grao de dependencia, denominado Grao III+, que obrigará ás persoas que se atopan nas fases máis avanzadas da enfermidade a someterse a outro baremo, no que deberán acreditar novos requisitos. Polo que a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, considerou que o acceso a este novo grao “será extremadamente complexo”, xa que moitos dos enfermos falecen antes de cumprir estes condicionantes. E que, no caso de que consigan acreditalos, a súa esperanza de vida será previsiblemente moi curta.
Durante a celebración do consello territorial, o Goberno galego tamén destacou que as partidas económicas están reservadas en exclusiva aos graos III+, polo que na práctica quedarían fóra destas achegas a gran maioría de pacientes, aproximadamente o 95% dos diagnosticados.
Desde a Xunta incidiuse, ademais, en que esta axuda económica, só poderá destinarse á contratación de coidados persoais vencellados ao Servizo de Axuda a Domicilio ou a asistentes persoais. Polo que, tendo en conta as dificultades coas que os doentes se atopan á hora de contratar este tipo de profesionais e a previsible curta esperanza de vida dos pacientes, moitos non terían posibilidades de beneficiarse.
Por último, o Goberno galego denuncia que na reunión celebrada esta mañá o Executivo central supeditou a concesión destas axudas en 2026 á aprobación duns novos Presupostos Xerais do Estado.
As axudas de Galicia por cuarto ano consecutivo
Pola súa banda, a Xunta de Galicia ten consignados nos orzamentos para 2026 unha partida para convocar por cuarto ano consecutivo as axudas de 12.000 euros anuais que concede a aproximadamente 200 galegos. Unhas achegas polas que, a partir do vindeiro ano, non terán que tributar fiscalmente. Ademais, o Goberno galego ofrece a estes doentes unha vía preferente de atención, pola que xa se lles concede o grao máximo de dependencia automaticamente, sen necesidade de valoración.