A Xunta destina 36.000 euros para a mellora do punto limpo da Lama

Esta liña de axudas beneficiou a un total de 24 concellos da provincia de Pontevedra, catro deles na área de influencia de Pontevedra

O total das axudas concedidas na provincia supera os 900.000 euros

A Lama (Pontevedra), 23 de outubro de 2025

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o punto limpo do concello da Lama, que foi un dos beneficiados polas axudas da Xunta a entidades locais para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal.

Así, A Lama recibiu máis de 36.000 euros como parte da liña destinada á realización de melloras nos puntos limpos e grazas á cal poderá aumentar a seguridade do espazo e mellorar o servizo prestado aos millares de veciños e veciñas que utilizan este servizo.

O delegado territorial aproveitou a visita para lembrar o compromiso da Xunta cun tratamento responsable dos residuos e asegurou que “o coidado de medio ambiente é unha das grandes prioridades da Xunta, proba diso é o enorme esforzo económico que se realiza cada ano para garantir un tratamento responsable de todo tipo de residuos”.

Cabe destacar que estas axudas beneficiaron a un total de 24 concellos da provincia de Pontevedra por valor de máis de 900.000 euros. Na área de influencia de Pontevedra,  foron catro os concellos beneficiados.

Data de actualización: 23/10/2025