A Xunta licita o subministro de pantallas para o sistema de xestión de quendas no Centro Integral de Saúde Olimpia Valencia de Vigo
O sistema permite unha mellor racionalización da circulación dos usuarios que acoden aos centros sanitarios e posibilita unha optimización da xestión das consultas
As empresas interesadas nesta licitación teñen de prazo ata o 10 de novembro para presentar as súas ofertas
Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2025
A Xunta publica, no Portal de Contratos Públicos de Galicia, por medio da Consellería de Sanidade, a contratación do subministro de pantallas para o sistema de xestión de quendas nas salas do novo Centro Integral de Saúde Olimpia Valencia en Vigo, por un importe de 70.180 euros.
As empresas interesadas nesta contratación teñen de prazo ata o 10 de novembro para presentar as súas ofertas.
O obxecto desta contratación é o subministro, configuración, posta en marcha e instalación das pantallas de visualización necesarias a instalar nas salas de espera do CIS Olimpia Valencia, a fin de dotar esta infraestrutura da rede do Servizo Galego de Saúde co sistema multimedia para a xestión de quendas.
Este sistema consiste nunha plataforma tecnolóxica corporativa para ordenar os accesos da cidadanía ás súas citas no centro de saúde.
O sistema xestiona as quendas dos usuarios nos centros sanitarios a través das aplicacións de cita e historia clínica corporativas e, ademais, nas mesmas pantallas que se usan para a xestión das citas, empréganse para dar información corporativa mediante cartelería electrónica.
En definitiva, este sistema permite unha mellor racionalización da circulación dos usuarios que acoden aos centros sanitarios. Ademais, posibilita unha optimización da xestión das consultas, facilita información ao paciente relativa á súa quenda para o acceso aos servizos sanitarios e garante en todo momento a súa privacidade.