O delegado destaca os principais investimentos que figuran nos Orzamentos da Xunta para a comarca do Condado-Paradanta

O delegado territorial visitou as instalacións da Comunidade de Usuarios de Augas Fraguas-Luneda, na Cañiza, que recibiu unha achega de preto de 15.000 euros

Estas axudas beneficiaron a seis destas asociacións na comarca do Condado-Paradanta por valor de preto de 80.000 euros

Reguera aproveitou a visita para dar conta dos principais investimentos que os orzamentos da Xunta para o ano 2026 contemplan nesta comarca

A Cañiza (Pontevedra), 24 de outubro de 2025

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou aos usuarios da Comunidade de Usuarios de Augas de Fraguas-Luneda, no concello da Cañiza, que foi unha das beneficiarias das axudas convocadas por Augas de Galicia para a mellora das súas instalacións.

En concreto, esta comunidade de augas recibiu unha achega de preto de 15.000 euros que lles permitiu mellorar e renovar o seu depósito co obxectivo de minimizar o risco de fugas e de garantir a salubridade da auga que consumen ata 30 fogares.

Na comarca do Condado-Paradanta foron seis as comunidades de augas que se beneficiaron destas axudas por un valor total de case 80.000 euros.

O delegado territorial destacou a importancia de seguir colaborando con estas asociación que “de forma voluntaria e totalmente altruísta, levan a cabo unha labor imprescindible no rural galego”.

Orzamentos

Reguera tamén aproveitou a visita para dar conta das principais partidas recollidas nos orzamentos que afectan aos concellos desta comarca. En concreto, o delegado destacou os traballos no Apartadero Ferroviario da Plataforma Loxística e Industrial de Salvaterra-As Neves (Plisan), que contan cunha partida de 1,7 millóns de euros.

Ademais, en Ponteareas, o documento tamén contempla o remate das obras para estender o saneamento municipal a Ribadetea, cun investimento plurianual de 1,8 millóns de euros, e o centro de saúde de Ponteareas que conta cunha partida de 600.000 euros para este 2026.

Cabe destacar que, máis alá dos investimentos nomeados, os orzamentos do ano 2026 contemplan unha gran cantidade de pequenas actuacións, así como a prestación de servizos aos que a cidadanía xa está habituada. Nomeadamente as axudas para o alugamento, os bonos e programas de transportes ou a gratuidade da educación dende os 0 anos ata a titulación universitaria.

O delegado territorial destacou o compromiso da Xunta cos “problemas da cidadanía” e a necesidade de “seguir apostando por sectores especialmente sensibles como a comunicación, o coidado do medio ambiente, a sanidade ou a educación”. Neste sentido, Reguera asegurou que “a Xunta leva moitos anos lendo as necesidades dos galegos e galegas e poñendo todo o seu esforzo en mellorar a súa calidade de vida. Proba diso son estes magníficos orzamentos que, estou seguro, permitirán mellorar o día a día de millares de veciños”.

Os orzamentos da Xunta para o ano 2026 contemplan un investimento total na provincia de Pontevedra de 4.083 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/10/2025