María José Gómez lembra os apoios da Xunta aos titulares afectados pola banda marrón do piñeiro co obxectivo de evitar o abandono dos terreos

A conselleira do Medio Rural visitou hoxe unha zona afectada por esta doenza e lembrou que a ampliación da moratoria do eucalipto ata 2030 inclúe dúas flexibilizacións, unha delas orientada a dar unha alternativa a esta situación excepcional

A partir de 2026, nas parcelas gravemente afectadas por esta enfermidade poderase substituír ata un máximo do 50% da superficie por eucalipto durante unha única quenda de corta, sempre que a metade restante se reforeste con coníferas ou frondosas

Gómez subliñou tamén a aposta do Goberno galego pola sanidade forestal, con tratamentos fitosanitarios e por medio da selección xenética de árbores candidatas por resistencia, entre outras medidas encamiñadas a loitar contra a banda marrón

A Pastoriza (Lugo), 25 de outubro de 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou hoxe terreos da comunidade de montes veciñais en man común de Acebreiro, no concello lucense da Pastoriza, que están afectados pola doenza da banda marrón do piñeiro. Alí explicou os diferentes apoios postos en marcha pola Xunta de Galicia para paliar esta situación co obxectivo de evitar o abandono do rural e garantir a sustentabilidade forestal.

Neste sentido, recordou que a ampliación da moratoria do eucalipto ata 2030 -que entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2026- inclúe dúas flexibilizacións, unha delas especificamente orientada a dar unha alternativa aos propietarios ante esta situación excepcional que vive o piñeiro radiata. Esta flexibilización consiste na posibilidade que se ofrece para as plantacións gravemente afectadas pola banda marrón, nas que se poderá substituír ata un máximo do 50% da superficie por eucalipto durante unha única quenda de corta. Iso si, a metade restante deberá reforestarse con coníferas ou frondosas.

Esta medida súmase a unha segunda flexibilización que consiste en permitir novas plantacións de eucalipto para substituír aquelas xa existentes, sempre e cando a parcela inicial se transforme a coníferas e frondosas e a superficie da nova repoboación non supere, con carácter xeral, o 75% do eucalipto que había na inicial.

Con este novo escenario vinculado á ampliación da moratoria do eucalipto ata 2030 procúrase que os propietarios forestais poidan producir máis e mellor, pero en menor superficie. Trátase, engadiu, de conseguir o máximo aproveitamento do recurso ao mesmo tempo que se segue protexendo e diversificando o territorio e se loita contra o abandono dos terreos.

A conselleira subliñou tamén a aposta da Xunta pola sanidade forestal, que se pon de manifesto mediante traballos -en coordinación co sector- para a recuperación das masas afectadas de piñeiro pola banda marrón con tratamentos fitosanitarios e por medio da selección xenética de árbores candidatas por resistencia, entre outras medidas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/10/2025