A Xunta financia con preto de 922.000 euros do Fondo de compensación ambiental proxectos en 14 municipios da área e a mancomunidade de concellos de Ferrol
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, desprazouse esta mañá ao municipio de Cabanas onde o Concello que vén de adquirir unha miniretroexcavadora e un remolque para levar a cabo tarefas de protección medioambiental
A convocatoria do Fondo de Compensación Ambiental contou este ano cun orzamento de 7,7 M€, entre a liña competitiva e a non competitiva
Cabanas (A Coruña), 27 de outubro de 2025
A Xunta financia con 921.647 euros os proxectos de 14 municipios e a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol a través das axudas do Fondo de Compensación Ambiental (FCA). A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, desprazouse esta mañá a Cabanas, un dos concellos da área territorial beneficiado da liña competitiva destas achegas da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
Concretamente, o Concello de Cabanas recibiu unha subvención de 32.000 euros para a adquisición dunha miniretroexcavadora e un remolque cos que levar a cabo tarefas de protección medioambiental no municipio e mellorar o mantemento dos espazos públicos.
Aneiros incidiu na importancia de axudas coma esta a través das que a Xunta trata de “reforzar a capacidade dos gobernos locais para dar resposta ás demandas cidadás”.
Xunto ao Concello de Cabanas, tamén resultaron beneficiarios da liña competitiva desta orde de axudas a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol e os municipios de Ferrol e Cerdido. Doutra banda, A Capela, Cariño, Cedeira, Mañón, Monfero, Narón, Ortigueira, As Pontes, San Sadurniño, As Somozas e Valdoviño foron adxudicatarios de axudas da liña non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental que, en conxunto, contou este ano cun orzamento de 7,7 M€
Durante a visita ao municipio, a delegada territorial advertiu da relevancia de estar ao carón das Administracións locais con actuacións como estas que lles permitan optimizar os seus recursos e lembrou que o Fondo de Compensación Ambiental foi creado para distribuír o canon eólico en beneficio da conservación e restauración da contorna, así como do reequilibrio territorial.