A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático participou nun almorzo informativo organizado pola Ageinco
A Xunta salienta a enxeñaría galega como ferramenta clave para afrontar a xestión do litoral e a loita contra o cambio climático
Ángeles Vázquez explica que na xestión integrada da costa, a enxeñería vai ser determinante en áreas como a recuperación de bens de valor cultural, as infraestruturas ou a implantación de novos proxectos produtivos
Apela á experiencia dos enxeñeiros para traducir os grandes obxectivos climáticos en accións reais, medibles e visibles en eidos como a planificación de infraestruturas, a eficiencia enerxética, a xestión da auga, a ordenación do territorio ou a mobilidade
Anima ao sector a contribuír coas súas achegas e suxestións á redacción do anteproxecto de lei de administración ambiental simplificada que a Xunta está a preparar e que desde hoxe mesmo se somete ao trámite de información pública
Vigo, 28 de outubro de 2025
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou hoxe a enxeñería galega como unha “ferramenta clave” para afrontar dous dos grandes retos de Galicia para o vindeiro ano, como son a xestión do litoral e a loita contra o cambio climático.
Durante a súa intervención nun almorzo informativo organizado en Vigo pola Asociación Clúster de Empresas de Enxeñaría, Consultaría e Servizos Tecnolóxicos de Galicia (Ageinco), a conselleira explicou que ambas cuestións son “dúas realidades distintas, pero complementarias” que van centrar gran parte dos esforzos do Goberno galego de cara ao futuro e nas que os profesionais da enxeñería “van ter moito que dicir”.
Nese senso, no que se refire á xestión do litoral, logo de poñer en valor que agora as decisións se toman en Galicia e, de feito, desde xullo a Xunta xa tramitou 470 autorizacións e declaracións responsables, Ángeles Vázquez incidiu no papel clave da enxeñería neste ámbito. Así, no marco do obxectivo do Goberno galego de conxugar a perspectiva ambiental, económica e social na xestión integrada da nosa costa, a enxeñería vai ser determinante en áreas como a recuperación de bens de valor cultural, as infraestruturas ou a implantación de novos proxectos produtivos.
“Cada unha das iniciativas a desenvolver no noso litoral van requirir un deseño técnico, un cálculo estrutural, planificación hidráulica e innovación”, dixo a conselleira, que engadiu que os profesionais da enxeñería son os máis cualificados para converter os principios ambientais en proxectos concretos e útiles para a cidadanía.
En concreto, a conselleira sinalou actuacións como o deseño e rehabilitación de paseos marítimos e sendas sostibles; sistemas de drenaxe urbana; novas instalacións para protexer portos, diques e áreas de marisma con tecnoloxías máis resilientes; novas técnicas de restauración de dunas e zonas húmidas, ou o desenvolvemento de infraestruturas verdes ou refuxios climáticos.
Nese senso, a representante autonómica subliñou que desde hoxe mesmo se somete a información pública o proxecto de decreto polo que se aproba o Catálogo de bens de valor cultural no litoral de Galicia, que identifica un total de 1.582 bens de valor cultural, arquitectónico e etnográfico, dos que 812 son das categorías arquitectónica e industrial -os susceptibles de solicitar un cambio de uso- e deles 290 son da provincia de Pontevedra.
De feito, no marco desa colaboración entre a enxeñaría e o medio ambiente, Ángeles Vázquez apelou á experiencia dos profesionais da enxeñería para “traducir os grandes obxectivos climáticos en accións reais, medibles e visibles” en eidos como a planificación de infraestruturas sostibles, a eficiencia enerxética, a xestión da auga, a ordenación do territorio ou a mobilidade verde.
Así, a enxeñería terá un papel clave á hora de planificar o litoral, deseñar infraestruturas verdes que protexan e embelezan, construír sendas sostibles que conecten persoas e territorios e garantir que cada proxecto produtivo se faga con rigor e calidade.
E, nese diálogo entre Administración e enxeñería, a conselleira animou ao sector a contribuír coas súas achegas e suxestións á redacción do anteproxecto de lei de administración ambiental simplificada que a Xunta está a preparar e que desde hoxe mesmo se somete ao trámite de información pública.
Cómpre subliñar que esta iniciativa lexislativa ten como obxectivo facer de Galicia un territorio más áxil, sostible e atractivo para o investimento, reducindo a burocracia, pero sen renunciar á protección ambiental
 
											
											 
											
											 
									 
									 
										 
										