O orzamento da Consellería de Sanidade medra o vindeiro ano un 3,91 %, case o dobre que as contas da Xunta, e acada os 5.671 millóns de euros

As contas de 2026 consolidan a aposta polo reforzo de persoal na sanidade pública, con 2.460 M€ orzamentados e a creación de 1.244 prazas

Aumenta un 4,75 % o investimento en atención primaria, que chega ata os 1.747 M€, e permitirá crear, entre outras, 77 novas prazas para os Puntos de Atención Continuada

Elévase a máximos históricos o investimento en formación sanitaria especializada, con 94,2 M€, e poténciase, con 15 M€, o emprego da intelixencia artificial para reducir burocracia e apoiar diagnósticos e decisións clínicas

Consígnanse 162,7 M€ para o remate do Novo Montecelo e da 1ª fase do Plan director de Ferrol, ademais de impulsar a 2ª fase do Novo Chuac e avanzar nas ampliacións dos hospitais de Santiago de Compostela e de Ourense

Resérvanse 13,6 M€ para rematar e equipar o Centro de Protonterapia de Galicia, que se dota con 13 prazas de persoal de cara á súa posta en marcha e tratamento do primeiro paciente en 2026

O inicio da produción de fármacos no Centro de Terapias Avanzadas, o impulso do proxecto Xenoma Galicia e as tecnoloxías de secuenciación xenómica avanzada consolidarán a oncoloxía personalizada e de precisión

Poñerase en marcha un programa de rehabilitación domiciliaria que ofrecerá fisioterapia, terapia ocupacional e logopedia a preto de 100 pacientes en 2026 no marco da Estratexia Galega en Enfermidades Raras

A atención á saúde mental refórzase con máis de 32 M€ nun ano no que se aprobará o novo Plan, se integrarán as unidades municipais de adiccións e se contratarán 21 profesionais para a rede de psicólogos clínicos en atención primaria

O conselleiro avanza a ampliación do cribado de cancro de cérvix para mulleres de 25 a 35 anos, así como a incorporación de novas enfermidades conxénitas no cribado neonatal a través da proba do talón

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2025

Os orzamentos da Consellería de Sanidade para 2026 consolidan a aposta polo reforzo de persoal na sanidade pública, con 2.460 millóns de euros, que supoñen un incremento do 2,75 %, e a creación de 1.244 prazas en distintos ámbitos, que suman máis de 40 M€.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, explicou na Comisión 3ª do Parlamento as principais liñas de actuación e investimentos do seu departamento para o vindeiro ano, que acadan os 5.671 M€ destinados a atender a saúde da cidadanía galega e a coidar dos profesionais, e que supoñen 213,5 M€ máis que o destinado en 2025.

O presuposto de Sanidade para o 2026 representa un incremento do 3,9 % en relación ao presente ano e medra case o dobre que o total da Xunta, que o fai nun 2 %. Un ano máis, Sanidade será o departamento autonómico co maior orzamento.

A partida de investimentos reais medra case un 1,4 % e acada os 448 M€, o que supón 6,1 máis que neste ano. De feito, o investimento nas obras nos complexos hospitalarios e na mellora dos centros de saúde e en equipamento médico ascende a 227 M€.

Gómez Caamaño referiu que a atención hospitalaria sumará un total de 3.598 M€, cunha suba do 3,45 %.

Pola súa parte, a atención primaria subirá un 4,75 %, o que supón preto de 80 M€ máis, ata acadar os 1.747 millóns, o que representa o maior investimento da historia. Tamén se produce un incremento no capítulo de persoal deste nivel asistencial, que medra un 3,4%, ata os 657 M€.

O conselleiro puxo en valor o investimento en formación dos especialistas sanitarios, que acada a cifra histórica de 94,2 M€, preto de 10 M€ máis, elevándose un 11,5 %. Tamén destacou o orzamento para investigación, que con 31 M€, 7,8 millóns máis, experimenta un aumento do 33,5 %.

Creación de novas prazas

Para facer fronte ao déficit de profesionais, situación que compete ao Goberno central arranxar e diante da que non acaba de tomar medidas eficaces, a Xunta creará un total de 77 prazas en PAC relacionados coa proposta de considerar os sábados pola mañá de atención continuada. Serán 36 de medicina de familia, 28 de enfermería e 13 de persoal de servizos xerais, cun custo de 3,5 M€.

Outras prazas, en concreto 789, serán para seguir coa política de estabilización do persoal do Servizo Galego de Saúde, cun investimento de 26,7 M€. Coa dotación prevista, acadarase o total de 2.430 prazas comprometidas no proceso de estabilización.

Tamén no 2026 se dotarán 23 prazas de médico de urxencias que resta para acadar o obxectivo de ampliación do persoal de urxencias hospitalarias de 113 para período 2024-2026. Estas 23 prazas supoñen un orzamento de 1,6 M€.

Para a posta en marcha do Novo Montecelo, dotaranse 55 prazas en distintas especialidades, cun orzamento de 1,9 M€.

Así mesmo, o incremento da carteira de servizos de reprodución humana asistida levará aparellada a creación de 9 prazas, cun custo de 630.000 euros.

Tamén se dotarán 13 prazas, máis de 633.000 euros, para a posta en marcha do Centro de Protonterapia de Galicia, que comezará a tratar pacientes en 2026.

Ademais incrementará con 21 novos profesionais a rede de psicólogos clínicos de primaria, destinando a este fin un investimento de preto de 1,5 M€.

Tamén anunciou o conselleiro a dotación de 62 prazas para consolidar os equipos de atención domiciliaria, cun investimento de 2,7 M€.

Resérvanse, ademais, 52 prazas para nomeamentos de continuidade e destínase 3,3 M€ para o incremento de 122 prazas de persoal en formación, unha vez publicada a oferta de formación sanitaria especializada para 2025-2026, que con 682 prazas é a máis alta da historia.

Na Fundación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 crearanse 21 prazas.

Ademais da creación de prazas, os Orzamentos de 2026 reservan a partida necesaria para a consolidación do grado do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde.

Infraestruturas primaria

Para a construción e renovación de infraestruturas de primaria prevense 60 M€. Así, no primeiro trimestre do ano porase en marcha o CIS Olimpia Valencia de Vigo. Tamén o vindeiro ano se avanzará nos trámites para a execución dos novos Centros Integrais de Saúde de Ourense, de Carballo e do Carballiño e no CIS do Morrazo, se o Concello de Cangas pon á disposición os terreos.

O ano 2026 será tamén o da posta en funcionamento dos centros de saúde de Moaña, Abegondo e Conxo.

Resérvanse 17,3 M€ para a construción de centros de saúde xa en execución: o de Vilagarcía de Arousa (13 M€), o da Rúa (2,1 M€); e para o da Milagrosa, en Lugo (2,2 M€).

E recóllense os créditos para os de Antas de Ulla (1,3 M€), Muíños (0,9 M€) e Boborás (1,8 M€), nos que pronto comezarán as obras, ademais do de Santa Lucía, na Coruña, para o que se destinan 4,4 millóns.

As contas da Consellería de Sanidade para 2026 tamén recollen os créditos necesarios para a licitación das obras dos centros de saúde de Meis, Barro, Sanxenxo, Noia, Becerreá ou Meira, para os que xa se obtiveron as parcelas; así como para a redacción dos proxectos daqueles para os que se vaian poñendo á disposición os terreos por parte dos Concellos: Ribadeo, San Xoán en Ferrol, Sagrado Corazón, en Lugo, etc.

Para a dotación de equipamento sanitario en atención primaria, disporase de preto de 6 M€ no marco do Plan de Atención Primaria; investiranse, ademais, 325.000 euros no equipamento do centro de saúde de Conxo e resérvanse 0,5 M€ para novas necesidades que poidan xurdir neste eido.

Atención hospitalaria

A atención hospitalaria contará cun investimento de 3.598 M€, cunha suba do 3,45 %. Os gastos de persoal deste nivel asistencial acadarán os 1.615 millóns, un 1,7 % máis que en 2025.

Neste apartado, destinaranse 210 M€ ás grandes obras en execución e á mellora do mobiliario e dotación de equipamento e alta tecnoloxía hospitalaria. En concreto, para as obras de transformación das infraestruturas hospitalarias destinaranse 162,7 millóns.

Para o remate do Novo Montecelo e para o equipamento para a súa posta en servizo irán 32 M€; para avanzar nas obras actuais e impulsar a fase II do hospital da Coruña, 43,8 M€; para o remate da fase I e dar comezo a II de Ferrol, 20,6 M€; para a ampliación do de Ourense, 35,6 M€; e para o de Santiago de Compostela, 41,3 M€.

Así mesmo, o conselleiro anunciou investimentos para os hospitais comarcais, que se concretan en 3 M€ para o Hospital da Mariña; 700.000 euros para o de Verín; 600.000 euros para o de Monforte de Lemos; e 1 M€ para o de Barbanza.

A equipamento electromédico e de alta tecnoloxía destinaranse en 2026 47,3 M€ que, ademais de equipar o Novo Montecelo, permitirá adquirir, entre outros, unha resonancia magnética para o Chuac e dotaranse os hospitais comarcais de novos mamógrafos, unha vez que este ano se adquiriron ecógrafos.

Rehabilitación domiciliaria

O conselleiro anunciou, no marco da Estratexia Galega de Enfermidades Raras, a posta en marcha dun modelo de rehabilitación domiciliaria que permitirá ofrecer tratamento especializado nos fogares dos pacientes, evitando desprazamentos e traslados. Agárdase que o vindeiro ano 100 persoas se beneficien desta medida que incluirá servizos de fisioterapia, logopedia e terapia ocupacional.

Gómez Caamaño tamén referiu a posta en marcha do novo Plan galego de coidados paliativos 2026-2030 que, por primeira vez, incluirá unha liña específica para paliativos pediátricos. A primeira unidade pediátrica estrutural de coidados paliativos organizarase na área de Vigo.

O titular da carteira sanitaria fixo referencia, así mesmo, á renovación do servizo de transporte sanitario urxente por medios aéreos, que incorpora por primeira vez a cobertura 24 horas, con helicóptero de voo nocturno. Para tal fin, dedícanse 7,2 M€ en 2026.

Outra medida avanzada por Gómez Caamaño é a elaboración dun Rexistro galego de centenarios, con datos de saúde que poidan ser relevantes para o establecemento de políticas sanitarias futuras.

Igualmente, desenvolverase o Plan de atención ao paciente maior crónico complexo, para abordar dende primaria as necesidades destes doentes. No vindeiro ano iniciarase unha fase piloto para valorar o impacto na calidade de vida destas persoas.

Saúde Mental

Tal e como remarcou Gómez Caamaño, a saúde mental será unha liña prioritaria de acción o vindeiro ano. O investimento nesta materia medra un 7,69 % e chega ata os 32,7 millóns, nun ano no que se porá en marcha o novo Plan de Saúde Mental e no que se reforzará a Rede de psicoloxía clínica en primaria coa incorporación de 21 novos psicólogos clínicos.

Así mesmo, o vindeiro ano será o da culminación do proceso de integración das 13 unidades municipais de atención ás adiccións no Servizo Galego de Saúde. Ao seu financiamento a Xunta destinará máis de 4 M€.

Saúde Pública

A Xunta destinará en 2026 un total de 96,4 M€ o vindeiro ano a reforzar a saúde pública. Con este orzamento, consolidarase o calendario de inmunización ao longo de toda a vida máis completo do Estado, que contará cun orzamento de 48,2 millóns, medrando un 17%.

Así, logo de consolidar os resultados dos programas de cribado de mama, colon e de cérvix, e de impulsar os programas piloto de cribado de cancro de próstata e de pulmón, o conselleiro anunciou a incorporación o vindeiro ano das mulleres de 25 a 35 anos ao cribado de cérvix, para o que Sanidade destinará 195.000 euros. Ademais levaranse os programas de cribados xa consolidados aos centros penitenciarios.

Tal e como detallou o conselleiro, a detección temperá de enfermidades tamén eleva o seu orzamento nun 10 % e chega aos 3,1 millóns. Ademais dos programas de cribado, estes cartos farán posible a ampliación do cribado neonatal con novas patoloxías.

Na estratexia de loita contra o cancro, o Centro de fabricación de terapias avanzadas contará con 800.000 euros en 2026 para iniciar a produción propia de dous fármacos, contra o mieloma múltiple e fronte a diferentes patoloxías autoinmunes.

Para o Centro de Protonterapia de Galicia, primeiro nun sistema sanitario público de España, a Xunta destina 13,6 millóns que posibilitarán rematar as obras e incorporar o equipamento para tratar os primeiros pacientes a finais do vindeiro ano.

Tamén destacou o conselleiro os 14 millóns de euros para o Proxecto Xenoma Galicia, ademais do impulso do Comité Molecular de Tumores e a implementación de novas tecnoloxías de secuenciación, para consolidar a Galicia no seu liderado en materia de medicina personalizada e oncoloxía de precisión.

En materia farmacéutica, e para atender as necesidades dunha poboación máis lonxeva, en 2026 destinarse un investimento adicional de 45 M€ en receitas, chegando aos preto de 930 millóns de euros.

A farmacia hospitalaria medra preto dun 12 % ata situarse en 684 millóns (71 M€ máis), o que posibilitará continuar ofrecendo os tratamentos máis innovadores como as terapias CAR-T, que xa beneficiaron a 130 enfermos de cancro.

O conselleiro referiu outros investimentos destacados como os 15 M€ destinados a desenvolver as capacidades da intelixencia artificial, mellorando o diagnóstico, e o pulo ao plan de mellora da incapacidade temporal, intensificando as medidas xa iniciadas.

En canto ao ámbito normativo, Gómez Caamaño destacou que o 2026 será o ano de entrada en vigor da Lei de proteccións da saúde das persoas menores e prevención das condutas aditivas, que sitúa Galicia á vangarda europea; e tamén da modificación da Lei de saúde de Galicia, coa que a galega será a primeira comunidade en regular de xeito transversal a perspectiva de prevención e protección fronte á violencia externa no ámbito sanitario.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/10/2025