A Xunta aprobará o plan de benestar dixital antes de que remate o ano

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa salienta en SIMO a importancia de garantir o uso seguro e responsable das tecnoloxías nas aulas

Madrid, 28 de outubro de 2025

A Xunta de Galicia está a ultimar o Plan de benestar dixital do alumnado galego coa finalidade de aprobalo antes de que remate o ano, tal e como avanzou esta mañá a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, con motivo da súa participación nunha mesa redonda sobre benestar dixital no marco do Salón Internacional de Tecnoloxía de Innovación Educativa, SIMO, en Madrid.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional subliñou que este plan será a folla de ruta do Goberno galego para garantir un uso saudable, seguro e responsable da tecnoloxía nas aulas. Trátase, segundo explicou, de garantir o benestar emocional na infancia e na adolescencia, traballar na mellora do rendemento escolar e procurar un ensino híbrido, onde convivan en equilibrio o modelo tradicional e o dixital.

Para acadar un documento rigoroso, solvente e consensuado que sirva de guía ao sistema educativo, desde o departamento educativo da Xunta creouse un grupo de traballo con expertos dos eido da docencia, da pedagoxía, da psicoloxía, da tecnoloxía e da medicina. Coa elaboración do Plan de benestar dixital darase resposta a unha demanda da comunidade educativa no marco da futura Lei de educación dixital de Galicia, un texto pioneiro a nivel estatal e europeo que se atopa en tramitacións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/10/2025