A Xunta apoia con máis de 220.000 euros en axudas aos concellos de Ferrol e As Pontes na contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros e o director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, deron conta destas subvencións da Consellería de Política Social e Igualdade durante unha visita á Casa da Muller de Ferrol
Ferrol, 29 de outubro de 2025
A Xunta concedeu este ano 221.491 euros en axudas aos Concellos de Ferrol e As Pontes para a contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero. A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, deu conta da resolución desta convocatoria da Consellería de Política Social e Igualdade durante unha visita realizada hoxe á Casa da Muller de Ferrol xunto ao director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba.
No caso de Ferrol, a axuda autonómica ascendeu a 177.649 euros o que permitiu a contratación de seis mulleres durante un período de 12 meses para a prestación de servizos de interese xeral ou social no ámbito municipal.
“Trátase de facilitar a súa inserción laboral como parte do seu proceso de recuperación e integración social”, lembrou a delegada territorial. O Concello das Pontes percibiu, no seu caso, preto de 44.000 euros neste concepto.
A contía por cada muller contratada a tempo completo é a equivalente a sufragar durante o período de contratación, ata un máximo de 12 mensualidades, as retribucións salariais brutas totais, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e as cotas á Seguridade Social por conta da entidade empregadora, neste caso os Concellos, na mesma cantidade que a fixada para o salario.
O Goberno galego destinou este ano un orzamento de 2,5 M€ a esta orde de axudas que financia a través dos fondos finalistas dos Estado, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
 
											
											 
											
											 
											
											 
									 
									 
									 
										 
										