A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e a directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza Martínez, supervisou a actuación

A Coruña estrea a nova estrutura flotante do Parrote, na que a Xunta investiu 2,9 M€

Allegue destaca que a nova plataforma, unha das actuacións do proxecto Coruña Marítima, reforza a histórica vinculación da cidade co mar e está pensada ao redor de tres ideas: deporte, ocio e encontro social

A conselleira destacou que o novo espazo vai supoñer un revulsivo nesta zona e un novo atractivo turístico

O espazo completarase co novo edificio de servizos que construirá a Autoridade Portuaria, con unha achega da Xunta de 378.000€

A conselleira subliñou que a actuación se enmarca no compromiso da Administración autonómica coa provincia, reflectido tamén nos orzamentos do 2026 con case 250 M€, e coa cidade, para a que hai partidas que suman 40 M€ nos presupostos

A Coruña, 29 de outubro de 2025

A cidade da Coruña estrea a nova estrutura flotante do Parrote, unha actuación na que a Xunta investiu 2,9M€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, xunto á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e a directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza Martínez, visitou hoxe a intervención realizada ao abeiro da colaboración coa Autoridade Portuaria da Coruña, cuxo investimento total ascendeu a 3,1M€.

Allegue subliñou que se trata dunha infraestrutura moi singular para a cidade e “reforza a histórica vinculación da cidade co mar”, tendo en conta que O Parrote foi tradicionalmente lugar de ocio e desfrute da veciñanza. Destacou neste senso a colaboración coa Autoridade Portuaria para poñer a disposición da cidadanía este novo espazo, cuxo proceso de execución foi tamén “laborioso e visualmente moi atractivo”. A este respecto que os 12 pantaláns de formigón que conforman a nova plataforma foron prefabricados en taller, en Malpica, e tiveron que ser trasladados por transporte especial por estrada. Posteriormente, precolocáronse con axuda de transporte marítimo e foron ancorados sobre os mortos instalados de xeito previo no fondo marítimo. A última intervención  foi o pavimentado en madeira da superficie.

Destacou que a actuación forma parte do proxecto Coruña Marítima  e está ideada ao redor de tres ideas: deporte, ocio e encontro social. A estrutura permitirá o desenvolvemento de deportes náuticos e o espazo conta con dúas piscinas, gradas, espazos de descanso e pasarela accesible. Así mesmo, o seu uso será compatible co das zonas de paso de embarcacións e do tránsito marítimo. A este respecto, Allegue subliñou que vai supoñer un revulsivo para esta zona, non só como espazo de lecer,  senón tamén como novo atractivo turístico, seguindo a estela de actuacións similares en París, Berlín ou Aarhus (Dinamarca).

A xestión do novo espazo, que está aberto desde hoxe, corresponderá á Autoridade Portuaria da Coruña, que establecerá horarios e réxime de funcionamento.

Por outra banda, a través desta obra deixouse tamén a superficie preparada para a execución do novo edificio de servizos, que acometerá a Autoridade Portuaria de acordo co convenio asinado e que cofinancia a Xunta con 378.000€.

Orzamentos 2026

A conselleira quixo incidir en que esta actuación se enmarca no compromiso da Xunta coa cidade e coa provincia da Coruña, un compromiso tamén reflectido nos orzamentos do vindeiro ano 2026 da Xunta, que no caso da Consellería destinan un investimento na provincia de case 250M€ en vivenda e infraestruturas, dos que 40M€ destínanse unicamente á cidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/10/2025