O Servizo Galego de Saúde publica a relación de aspirantes seleccionados nos procesos selectivos por concurso de méritos e concurso-oposición en diversas categorías de persoal estatutario

No concurso-oposición ofértanse un total 147 prazas en diversas categorías de persoal estatutario, que se corresponde co número de novos aspirantes seleccionados

No proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, ofértanse 47 prazas correspondendo aos novos aspirantes seleccionados

A elección de destino será telemática a través de Fides/expedient-e

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2025

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, as resolucións da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde polas que se dan a coñecer os aspirantes definitivamente seleccionados no concurso-oposición nas categorías de celador, grupo auxiliar da función administrativa, persoal de servizos xerais e técnico en coidados auxiliares de enfermería, e no proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, para o ingreso nas categorías de celador e grupo auxiliar da función administrativa, procesos selectivos convocados polas correspondentes resolucións do 14 e 15 de decembro e do 26 e 28 de decembro de 2022.

Este sería o segundo proceso de elección de destino nestes dous procesos selectivos nas categorías de celador, grupo auxiliar da función administrativa, persoal de servizos xerais e técnico en coidados auxiliares de enfermería, tras resultar prazas vacantes logo das resolucións de nomeamentos do 26 de maio e do 9 de xuño. 

Neste segundo proceso de elección de destino ofertáronse as prazas que resultaron vacantes aos novos aspirantes segundo a orde de prelación, tal e como está establecido nas resolucións das convocatorias co fin de asegurar a cobertura da totalidade das prazas ofertadas.

Nos procesos selectivos de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, convocado polas resolucións do 26 e 28 de decembro de 2022, resultan definitivamente seleccionadas 47 novos aspirantes, dos cales 32 corresponden á categoría de celador e 15 ao grupo auxiliar da función administrativa.

Nos procesos selectivos, polo sistema de concurso-oposición, convocados polas resolucións do 14 e 15 de decembro de 2022, resultan novos seleccionados un total de 147 aspirantes. Da totalidade dos seleccionados, 16 corresponden á categoría de celador, 70 ao grupo auxiliar da función administrativa, 34 a persoal de servizos xerais e 27 á de técnicos en coidados auxiliares de enfermería.

O número de prazas ofertadas por categoría concorda coas novas persoas seleccionadas.

Coa publicación destas resolucións, ábrese un prazo de dez días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución (do 31 de outubro ao 13 de novembro de 2025) para que os novos aspirantes definitivamente seleccionados no concurso-oposición e no concurso de méritos seleccionen telematicamente, a través do sistema de información Fides/expedient-e, os destinos ofertados por orde de prelación entre a relación de prazas ofertadas.

Procedemento de elección de destino

A elección de destino realizarase a través do sistema de información Fides/expedient-e, conforme ás bases de procedemento publicadas no Diario Oficial de Galicia do 5 de xuño de 2020. A aplicación informática fará visibles todas e cada unha das prazas que se ofertan na respectiva categoría e facilitará información ao aspirante da posición e orde de prelación que ocupa no proceso, a efectos de elección de destino, segundo a quenda de participación e puntuación acadada nel.

A selección de destinos efectuarase por orde de preferencia e requirirá a sinatura electrónica e presentación por rexistro electrónico.

O aspirante disporá das mesmas opcións que no acto presencial. Así, a aplicación permitirá a renuncia á participación na elección de destino e mesmo a elección dun número de prazas inferior ao da posición que ocupa no proceso.

Finalizado o prazo para a selección de destinos, o sistema de información efectuará a adxudicación automática, en función da quenda e orde de prelación acadada por cada aspirante no proceso e atendendo á orde de preferencia na selección de destinos efectuada por este.

Este procedemento telemático redunda nunha maior axilidade e simplificación dos procesos selectivos e supón un avance no dereito dos cidadáns de relacionarse electronicamente coas Administracións Públicas. Asegúrase a continuidade asistencial e o normal funcionamento dos centros sanitarios e evita o desprazamento dos aspirantes á sede do órgano convocante como acontecía coa modalidade presencial.

Os aspirantes seleccionados poden dirixir todas as dúbidas e consultas relacionadas con estes dous procesos selectivos ao enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es.

Data de actualización: 30/10/2025