O secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participaron na presentación da 18ª edición da feira
A Xunta mantén a súa aposta por Culturgal nunha edición que bate récords con 225 actividades programadas
A Administración autonómica repite principal entidade financiadora do evento, que terá lugar do 28 ao 30 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra
A organización adianta as principais citas da Feira das Culturas Galegas, coa participación de 750 artistas e profesionais do sector, un cento de expositores e un programa de espectáculos, proxeccións, presentacións, obradoiros e mesas redondas
Pontevedra, 30 de outubro de 2025
A organización de Culturgal avanzou hoxe os pratos fortes da súa 18ª edición, que se desenvolverá do 28 ao 30 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra e para a que volve contar coa implicación da Xunta de Galicia como principal entidade financiadora. A Feira das Culturas Galegas baterá este ano o seu récord de actividade, coa participación de arredor de 750 artistas e outros profesionais do sector nas 225 citas programadas entre espectáculos, proxeccións, adiantos de proxectos, obradoiros ou mesas redondas.
En representación da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, asistiron a esta presentación o secretario xeral da Lingua, Valentín García; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, que participaron no acto xunto a Víctor López, presidente da Asociación Culturgal; Camilo Franco, director da feira, e representantes do resto de entidades colaboradoras.
Sutil foi o encargado de intervir en nome da Xunta, subliñando que o Goberno galego mantén a súa aposta por esta feira, que apoia desde as súas orixes, en resposta á súa función “como a gran cita cultural de Galicia, aberta a todo o sector e a toda a cidadanía”. Neste sentido, destacou que Culturgal funciona non só como plataforma desde a que difundir os servizos e produtos de todos os ámbitos artísticos “feitos aquí e no noso idioma”, senón tamén como unha moi interesante oferta cultural e lúdica de concertos, representacións escénicas, proxeccións audiovisuais, sinaturas de libros ou coloquios, entre outras moitas actividades.
O responsable de Industrias Culturais fixo fincapé, así mesmo, no papel do evento como altofalante para ofrecer un adianto, moitas veces en exclusiva, dos proxectos artísticos que están en preparación e dos que o público poderá gozar proximamente.
En 2025, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude contribúe con 90.000 euros ao desenvolvemento de Culturgal, incrementando nun 5,8% a súa achega do ano anterior e mantendo, así, a progresiva tendencia á alza desta colaboración económica en consonancia co propio crecemento da feira. En cada nova edición, esta implicación esténdese, ademais, á organización directa de diferentes actividades tanto no expositor institucional como noutros espazos do recinto.
O stand da Xunta de Galicia ocupará un dos 100 postos desde os que as institucións e outras entidades e empresas do sector compartirán co público proxectos, servizos ou produtos, dando conta da amplitude e variedade da oferta cultural galega.
Citas destacadas
En canto á programación de actividades, a organización destacou o protagonismo que terá a música cos concertos de Uxía e de Óscar Ibáñez na apertura e peche da feira, respectivamente, ou o regreso de Magín Blanco á música para público adulto, que celebrará cunha actuación en directo e a presentación do libro Percorrido.
Outro dos pratos fortes sobre o escenario do Auditorio do Pazo da Cultura será o espectáculo que Xosé AntonioTouriñán creou en exclusiva para Culturgal, así como un novo ciclo de narrativa oral, no que profesionais da dirección, da realización e guionistas explicarán os seus próximos proxectos como se dun conto se tratase.
No apartado audiovisual, ademais da proxección dalgúns dos títulos máis destacados deste ano, adiantaranse traballos que chegarán ás pantallas proximamente, como a serie Pensión incompleta, que se gravará nas catro linguas oficiais do Estado.
O Centro Dramático Galego, Chévere, Talía Teatro, Bengala Teatro ou Morra o Conto serán algunhas das compañías que falarán das súas próximas producións en Culturgal, mentres que na sección literaria destaca o acto no que actrices e cantantes galegas lerán fragmentos da obra de Begoña Caamaño, á que se lle dedica o Día das Letras Galegas 2026, así como as intervencións de Manuel Rivas, Suso de Toro ou a escritora vasca Oihane Amantegui, entre outras.
Entre as novidades de 2025 destaca tamén o festival de grupos infantís de escolas de teatro de toda Galicia, que terá lugar na mañá do sábado, mentres que na do domingo se celebrará unha nova edición do Ven e baila.
A organización desta edición volve corresponderlle á Asociación Culturgal, integrada na actualidade pola Asociación Galega de Editoras, Punto.gal, Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) e EspazoCoop.
 
										 
										