O presidente da Xunta de Galicia participou hoxe en Silleda no acto de entrega de premios do 8º Campionato Galego de FP, GaliciaSkills 2025

Rueda eloxia o talento e a excelencia da FP galega e destaca o seu papel como motor de desenvolvemento económico e social

Salienta o auxe da formación profesional na comunidade nun curso no que a FP galega acada unha cifra récord de máis de 71.000 estudantes matriculados, máis do dobre que hai 15 anos

Eloxia o esforzo e traballo do alumnado participante, profesorado, centros de formación e empresas

Trátase da edición máis participativa da historia do certame, con máis de 240 competidores de case 80 centros educativos en 36 modalidades diferentes

Silleda (Pontevedra), 30 de outubro de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, eloxiou hoxe o talento e a excelencia da FP galega e salientou o seu papel como motor de desenvolvemento económico e social.

Na súa intervención hoxe no acto de entrega de premios do 8º Campionato Galego de FP GaliciaSkills 2025, celebrado na Feira Internacional de Galicia ABANCA, Rueda asegurou que impulsos coma estes son precisos para “dignificar o que sempre foi digno” e convidou aos presentes a demostrar que Galicia ten “a mellor FP de toda España” na competición nacional. Os gañadores de GaliciaSkills formarán parte do equipo galego que representará á comunidade na competición nacional que se celebrará en Madrid o vindeiro febreiro.

Esta edición foi a máis participativa da historia do certame, xa que reuniu preto de 250 competidores de case 80 centros educativos en 36 modalidades diferentes, acompañados por máis de 200 titores. Neste sentido, o titular do Executivo galego salientou o “auxe da formación profesional que estamos tendo en Galicia”, pois cómpre lembrar que este curso a FP galega acadou unha cifra récord de máis de 71.000 estudantes matriculados, máis do dobre que hai 15 anos.

O presidente atribuíu este avance á aposta da Xunta por un modelo formativo conectado coas necesidades reais do tecido empresarial, “nos sectores que máis nos interesa medrar”, e que axudan a “canalizar unha vida aprendendo un oficio”.

Rueda eloxiou o esforzo, a dedicación e a capacidade de superación do alumnado participante, a quen animou a continuar formándose e a contribuír co seu talento ao progreso de Galicia. Ademais, tivo palabras de agradecemento ao profesorado, aos “magníficos” centros de formación e ás empresas que apoian “que a xente nova se forme”.

Escaparate para o talento

GaliciaSkills é máis ca unha competición, xa que serve como escaparate do talento e da excelencia do alumnado galego, ademais de ser un punto de encontro entre educación e sistema produtivo. Nesta edición, o número de probas aumentou un 20% respecto da anterior e a participación creceu un 32%, o que confirma o dinamismo e a relevancia da FP no contexto educativo e laboral galego.

Nesta liña, o presidente lembrou que Galicia Calidade tamén é ser recoñecidos pola calidade do que se fai: “a calidade empeza polas persoas e as que fan ben as cousas é porque están ben formadas” afirmou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/10/2025