O conselleiro de Sanidade, acompañado polo xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio, vacinouse fronte á gripe e á covid no punto de atención continuada de Santiago

A campaña de vacinación fronte á gripe da Xunta supera xa as 243.000 persoas inmunizadas

A campaña de vacinación, activa desde o 29 de setembro e ata o 31 de decembro, facilita a vacinación en todos os centros de saúde e consultorios

A poboación diana son as persoas maiores, os menores de 11 anos e, por exposición laboral, os profesionais da sanidade

Máis do 53 % das persoas maiores de 80 anos xa se vacinaron fronte á gripe

A cobertura de vacinación da gripe no persoal sanitario, iniciada o pasado 20 de outubro, supera o 27 %

O Goberno galego investirá en 2026 48,2 M€ en vacinas, o que representa un incremento de 7,2 M€ con respecto ao presente exercicio

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2025

A campaña de vacinación fronte á gripe da Xunta acada xa as 243.320 persoas inmunizadas.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, vacinouse este mediodía fronte á gripe e á covid no punto de atención continuada de Santiago, onde estivo acompañado polo xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio, e responsables de enfermería e de coordinación da campaña de vacinación na área compostelá.

A campaña de vacinación fronte á gripe e a covid está activa desde o pasado 29 de setembro e ata o 31 de decembro, tendo como poboación diana as persoas maiores, os menores de 11 anos e, por exposición laboral, os profesionais da sanidade.

Unha das novidades desta campaña é que todas as persoas chamadas a vacinarse poden facelo no seu propio centro de saúde ou consultorio.

Ata o de agora, a Consellería de Sanidade enviou sms de citación a máis do 60 % dos maiores de 70 anos e a máis do 50 % das familias de nenas e nenos de 6 meses a 11 anos.

As mulleres embarazadas ou no puerperio e menos de 60 anos con patoloxías de risco poden solicitar autocita con enfermería, no seu centro de atención primaria ou a través da aplicación Sergas Móbil, para vacinarse a partir da próxima semana.

A cobertura antigripal en maiores de 80 anos é actualmente do 53,30 % e sobe ao 65,17 % en maiores de 85.

A partir do 10 de novembro comezará a vacinación de persoas de 60 a 69 anos.

A cobertura de vacinación do persoal sanitario  fronte á gripe, comezada o pasado día 20 de outubro, supera nestes momentos o 27 %.

A aposta pola prevención da Xunta materialízase nun incremento constante no orzamento dedicado á vacinación, que en 2026 chegará aos 48,2 millóns de euros, o que supón unha suba de 7,2 millóns.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/10/2025