Belén do Campo destaca en Sada o liderado de Galicia na escolarización de 0 a 3 anos que supera xa o 65%
Belén do Campo destacou que este éxito é froito da aplicación do programa de gratuidade impulsado pola Xunta de Galicia que destina 65 millóns de euros anuais a esta medida que supón un aforro medio de máis de 3.000 euros por curso para as familias galegas
Sada (A Coruña), 31 de outubro de 2025
A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou esta mañá a escola infantil Galiña Azul de Sada, onde puxo en valor os datos oficiais que ratifican que Galicia consolida o seu liderado na taxa de escolaridade no tramo de 0 a 3 anos, situándose no 65%, 15 puntos por riba da media estatal, consolidando a Galicia como referente en educación e apoio ás familias. Esta porcentaxe coloca á comunidade galega ao nivel dos países europeos con maiores índices de benestar, como Suecia ou Dinamarca. O obxectivo do Goberno galego é manter e reforzar o liderado en escolarización no primeiro ciclo de Educación Infantil.
Durante a visita, Do Campo destacou que o liderado é froito da aplicación do programa de gratuidade impulsado pola Xunta de Galicia. O Goberno galego destina 65 millóns de euros anuais a esta medida que supón un aforro medio de máis de 3.000 euros por curso para as familias galegas.
A delegada subliñou tamén que Galicia é a comunidade autónoma cun programa de gratuidade máis completo, xa que ningunha outra ofrece oito horas diarias e once meses por curso de atención educativa totalmente gratuíta ao 100% do alumnado e en todas as escolas infantís —públicas, de iniciativa social e privadas—. Grazas a este modelo, máis de 32.000 nenos e nenas galegos dispoñen neste curso dunha praza gratuíta.
Apoio ás familias
Na provincia da Coruña, 14.171 nenos e nenas benefícianse desta medida, cun investimento global de 26,8 millóns de euros. A educación infantil de 0 a 3 anos é gratuíta en Galicia para todas as familias, independentemente do tipo de centro ao que acudan os seus fillos.
Galicia foi pioneira en implantar a gratuidade universal en setembro de 2022, tras estender a toda a poboación unha iniciativa que desde 2020 xa beneficiaba aos segundos fillos e sucesivos. A Xunta asume integramente o custo da matrícula e da atención educativa, o que permite avanzar na conciliación e na igualdade de oportunidades.
Galicia, referente
A escola de Sada, que visitou hoxe a delegada, conta no curso 25/26 con 34 alumnos matriculados, 7 de 0-1 anos, 11 de 1-2 anos e 16 de 2-3 anos ten dúas mestas, 4 educadoras sociais e unha persoa de limpeza e mantemento. Concretamente, a comarca de Betanzos a rede de escolas infantís Galiña Azul, dependentes do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, ten 5 centros en Sada, Betanzos, Curtis, Oza-Cesuras e Coirós.
A rede pública autonómica en Galicia conta actualmente con máis de 170 escolas infantís, que suman 10.500 prazas, ás que se engaden os centros municipais, de iniciativa social e privados adheridos ao programa. Este é o cuarto curso consecutivo no que a gratuidade está plenamente vixente en toda Galicia.