Galicia acada o obxectivo de chegar ás 90.000 persoas dependentes atendidas con dous meses de antelación sobre o prazo previsto
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, subliña que alcanzar esta meta é posible “en gran parte grazas ao Plan de choque” activado pola Administración autonómica, “que corre o risco certo de paralización logo do recurso presentado ante o Constitucional polo Goberno central”
Informa de que grazas a que Galicia cumpre cos obxectivos, recibirá algo máis de 52 millóns de euros a través do convenio de nivel acordado coa Administración xeral do Estado, autorizado hoxe polo Consello
Insiste na necesidade de que o Executivo central cumpra coa lei e financie o 50% dos custos dos servizos e prestacións
Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello da Xunta aprobou hoxe a sinatura do convenio do nivel acordado para 2025 entre a Consellería de Política Social e Igualdade e o Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso) destinado ao sistema de atención á dependencia das comunidades autónomas e que, no caso de Galicia, ascende a 105 millóns de euros sufragados entre o Estado e a Xunta, só tres máis que os asignados o exercicio pasado.
Tal e como informou Rueda, Galicia recibirá algo máis de 52 millóns de euros, grazas a que a Xunta cumpre con éxito os obxectivos recollidos neste acordo: diminución da lista de agarda, mellora na calidade dos servizos, etc. De feito, a comunidade xa supera hoxe, “dous meses antes do previsto”, as 90.000 persoas dependentes atendidas, unha meta que se fixara inicialmente para finais de ano. Segundo sinalou Rueda, isto é posible “en gran parte grazas ao Plan de choque” activado pola Xunta “que corre o risco certo de paralización logo do recurso presentado ante o Constitucional polo Goberno central”.
O presidente autonómico indicou que o diñeiro que recibe Galicia é “parte do financiamento que se vai dedicar ao sistema de dependencia en Galicia, en total 844 millóns de euros” e que os 52 millóns de euros “nin moito menos chega ás cifras que por lei terían que achegar” o Goberno central. Así, a pesar da sinatura deste convenio para o nivel acordado, o Goberno central está moi lonxe de achegar o 50% de financiamento do custo dos servizos e prestacións da dependencia a que está obrigado por lei, e a débeda acumulada con Galicia nesta materia “a finais de 2026 sería de case 3.000 millóns de euros”.
Ademais, o Executivo galego insiste na necesidade de revisar os criterios de distribución dos fondos, xa que os actuais non teñen en conta a elevada taxa de envellecemento que ten Galicia ou a súa dispersión xeográfica, aspectos que provocan un incremento dos gastos superior á media. Neste sentido, o Goberno autonómico reitera a necesidade de abordar o déficit estrutural que ten o financiamento da dependencia. A Xunta tamén lamenta as trabas que o Goberno de España está a poñer neste ámbito ao recorrer ante o Tribunal Constitucional contra a homologación automática da discapacidade a persoas con dependencia, unha medida da que desde o pasado mes de xaneiro xa se beneficiaron máis de 10.300 persoas.