Arias insta ao Concello de Lugo a asinar o convenio para poñer en marcha canto antes o servizo de comedor no Colexio Fingoi 2
O delegado territorial, Javier Arias, visitou hoxe o CIFP As Mercedes, a onde a Xunta trasladou a aula portátil, á espera de que se formalice o acordo entre ambas administracións para poder instalala
Lugo, 3 de novembro de 2025
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, insta ao Concello de Lugo a asinar o convenio de colaboración necesario para activar “canto antes” o servizo de comedor na Escola de Educación Infantil Fingoi 2.
Arias estivo esta mañá no CIFP As Mercedes, a onde a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional trasladou a aula móbil que acollerá o servizo en canto se formalice o acordo entre as dúas administracións, requisito necesario para que a Xunta poida instalar o módulo desmontable na parcela contigua ao colexio, que é de titularidade municipal.
O delegado asegurou que a Xunta está “xa en disposición” de instalar a aula portátil e explicou ademais que serán necesarias pequenas obras para a súa posta en funcionamento na parcela, polo que solicita ao Concello que “axilice os trámites necesarios para que o servizo de comedor sexa unha realidade á maior brevidade posible”.
Lembrou que a prestación do servizo de comedor no Fingoi 2 é unha obriga municipal, “pero o Goberno galego implicouse para dar resposta á demanda das familias, ofrecendo unha solución rápida e viable”.
Segundo o previsto no texto do convenio, a Consellería de Educación instalará o módulo desmontable na parcela de titularidade municipal contigua á EEI Fingoi 2, asumindo o custe de acondicionamento e conservación durante o tempo de vixencia do acordo, que se establece en dous anos prorrogables por un máis. Pola súa banda, o Concello autorizará o uso de aproximadamente 100 metros cadrados de terreo e prestará o servizo de comedor.