A conselleira de Política Social e Igualdade inaugurou hoxe o primeiro congreso internacional de acollemento familiar

Fabiola García reafirma o compromiso da Xunta co acollemento familiar como eixo principal do sistema de protección da infancia en Galicia

A conselleira destaca que esta aposta do Goberno galego sitúa á comunidade galega como a segunda con mellores ratios de acollida de España, con máis do 60% dos nenos e adolescentes residindo cunha familia

O congreso, organizado pola Xunta en colaboración con Aldeas Infantiles, reunirá durante dúas xornadas a expertos internacionais chegados de Irlanda, Países Baixos, Alemaña, España ou Chile

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, destacou esta mañá a aposta do Goberno galego polo acollemento familiar como medida preferente dentro do sistema de protección da infancia e adolescencia da comunidade. Unha aposta que, segundo subliñou, ten situado a Galicia como a segunda comunidade con mellores cifras de acollida de España. Así o avanzou na inauguración do I Congreso Internacional de Acollemento Familiar, organizado pola Xunta en colaboración con Aldeas Infantiles e que baixo o lema Busco casa con familia reunirá a expertos internacionais nesta materia.

Na súa intervención, a conselleira destacou que, grazas a este evento, Galicia convertese durante dúas xornadas “na capital europea do acollemento familiar” e puxo en valor as achegas que farán profesionais chegados de diferentes países como Irlanda, Países Baixos, Alemaña, España ou Chile. A este acto asistiu tamén o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey.

Fabiola García puxo en valor que en Galicia o acollemento familiar “é a fórmula prioritaria de protección” cando hai un neno ou adolescente en situación de desamparo e destacou que os datos oficiais do Ministerio de Infancia sitúan a Galicia como a segunda comunidade autónoma con mellores ratios de acollemento familiar de toda España, só por detrás de Asturias. Ademais, explicou que, do total de menores do sistema de protección, cuxa garda é asumida pola Xunta, máis do 60% están en acollemento familiar, residindo cunha familia.

Durante a inauguración, a conselleira explicou as medidas postas en marcha pola Xunta para apoiar o acollemento. Entre elas, destacou o incremento das compensacións económicas mensuais que reciben o 100% destas familias, as facilidades no eido educativo (como prioridade nas escolas infantís, axudas para libros de texto ou comedores), a creación dun programa de acollemento especializado da man de Aldeas Infantiles, a ampliación das familias que poden solicitar o título de familia numerosa (cando o acollemento supera os 12 meses) ou a ampliación das deducións fiscais no IRPF por acollemento familiar. Nesta liña, tamén destacou a campaña informativa posta en marcha pola Xunta nestas semanas, que baixo o lema A familia que acolles, busca difundir e informar sobre o acollemento familiar e agradecer o labor desinteresado destas familias.

Orzamentos 2026

Por último, a conselleira de Política Social e Igualdade subliñou que esta aposta polo acollemento familiar vese reflectida nos orzamentos da Xunta para 2026. Un exercicio no que o Goberno galego destinará 5,7M€ ás achegas mensuais que reciben as familias acolledoras, que creceron máis dun 50% desde 2023. Ademais, subliñou que se incrementará nun 9% o orzamento para reforzar a rede de recursos de protección da infancia e da adolescencia, que sumará 71,1M€.

Fabiola García finalizou destacando que o obxectivo da Xunta “é continuar á beira das familias acolledoras galegas”, unhas familias que definiu como “claro exemplo dos valores que definen a Galicia Calidade:  hospitalidade, compromiso e solidariedade”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/11/2025