Agolada mellora a accesibilidade do seu auditorio municipal grazas a unha achega da Xunta de 48.000 euros

A obra foi posible grazas ás axudas para actuacións en materia de accesibilidade de competencia municipal

Na provincia de Pontevedra sete concellos se beneficiaron destas axudas por valor de preto de 330.000 euros

Agolada (Pontevedra), 4 de novembro de 2025

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o auditorio municipal Manuel Costa Casares, onde o concello de Agolada realizou unhas obras para mellorar a súa accesibilidade grazas a unha achega da Xunta de máis de 48.000 euros.

A actuación, que consistiu na instalación de dous elevadores, un de acceso ao escenario e outro para entrar ao propio auditorio, foi posible grazas á liña de axudas para actuacións en materia de accesibilidade de competencia municipal, unha subvención coa que a administración autonómica pretende fomentar e facilitar a accesibilidade dos espazos públicos.

As obras levadas a cabo no concello de Agolada enmárcase na convocatoria do ano 2023 destas axudas. Desta mesma convocatoria beneficiáronse ata sete concellos da provincia de Pontevedra por valor de preto de 330.000 euros.

O delegado territorial aproveitou a visita para lembrar “o compromiso da Xunta cunha Galicia máis accesible a todas as persoas” e asegurou que a administración autonómica seguirá traballando da man dos concellos para conseguir “unhas infraestruturas máis amables e que teñan en conta as necesidades de todos os galegos e galegas”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/11/2025