A conselleira de Política Social e Igualdade informou hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia sobre a situación deste programa, que está en vigor desde o mes de xaneiro
Fabiola García acusa ao Executivo central de poñer en risco o Plan de choque para axilizar a atención á dependencia e á discapacidade
Advirte que o recurso no Tribunal Constitucional presentado polo Goberno de España fai perigar os dereitos de 10.400 dependentes aos que se lles recoñeceu de maneira automática a discapacidade
Reclama de novo o pago da débeda derivada do incumprimento da Lei de Dependencia, que no vindeiro ano chegará aos 2.900 millóns de euros
Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acusou hoxe ao Goberno de España de poñer en risco os dereitos de máis de 10.300 dependentes aos que se lles recoñeceu de maneira automática a súa discapacidade, grazas ao Plan de choque que a Xunta ten en marcha desde o pasado mes de xaneiro. Denunciouno no Pleno do Parlamento de Galicia, onde lamentou as “trabas” que o Executivo central está a poñer á atención á dependencia.
Fabiola García sinalou que o recurso no Tribunal Constitucional interposto polo Goberno central a este procedemento polo que se concede a discapacidade sen necesidade dunha nova valoración ás persoas con dependencia que o soliciten “é un intento de paralizar un dos puntos clave do Plan de choque”. Ao respecto, dixo non entender que se trate de frear unha medida que o propio Executivo de Pedro Sánchez vén de copiar na última modificación da Lei de Dependencia, aínda que o fixo en menor intensidade. De feito, este cambio normativo outorga aos dependentes de grao III o 65% de discapacidade, mentres que en Galicia este recoñecemento é do 100%.
A conselleira advertiu de que se este recurso segue adiante provocará a paralización e retraso na percepción de axudas, xa que obrigaría ás persoas solicitantes a pasar unha segunda valoración. Ademais, cualificouno de “partidista” e de ter “carácter político”, xa que o seu único obxectivo é “atrasar a aplicación de medidas quen son moi beneficiosas para Galicia”.
Así mesmo, a titular de Política Social e Igualdade volveu reclamar ao Goberno central que cumpra co financiamento da dependencia ao que está obrigado por Lei e polo que xa acumula unha débeda que no 2026 chegará aos 2.900 millóns de euros. Neste sentido, Fabiola Garcia esixiu para Galicia o mesmo trato que ten nesta materia o País Vasco para non crear dependentes de primeira e de segunda.
Fabiola García contrapuxo a actuación do Goberno central neste ámbito coa decidida aposta pola atención que fai a Xunta. Nesta liña, lembrou que o orzamento de 2026 contempla un investimento de máis de 844 millóns de euros para a dependencia e a mellora dos servizos sociosanitarios, un 17% máis. Uns fondos que permitirán superar a barreira das 100.000 persoas atendidas.
Por último, a conselleira deu conta dos bos resultados do Plan de choque para a axilización e simplificación da dependencia e a discapacidade, que nos seus primeiros dez meses de vixencia supuxo a resolución favorable de máis de 63.300 expedientes e diminuír un 10% os tempos de tramitación, así como chegar ás 90.000 persoas atendidas e situar a taxa de cobertura no 98,8%, unhas das mellores do Estado.
Diálogo social
Fabiola García tamén respondeu no Pleno a unha interpelación sobre as condicións laborais de persoal de centros de discapacidade, de menores e de escolas infantís que non dependen da Administración autonómica. Sobre esta cuestión sinalou que a Xunta sempre respecta o dereito á manifestación e á folga, e amosa a súa disposición a colaborar no diálogo social.
A responsable de Política Social e Igualdade recordou que os convenios colectivos son un acordo entre patronal e sindicados, non co Executivo autonómico. Así mesmo, engadiu que o papel da Xunta é velar porque a atención das persoas usuarias non se vexa afectada pola folga, ao tempo que asegura o cumprimento dos servizos mínimos.
No que atinxe ás competencias propias do seu departamento, Fabiola García indicou que no 2026 destinaranse máis de 70 millóns de euros a reforzar os recursos do sistema autonómico de protección de menores, un dos máis integradores de España. Investiranse 65 millóns de euros a consolidar a gratuidade das escolas infantís, medida que converte a Galicia en líder na escolarización de 0 a 3 anos cunha taxa do 65%; e incrementase un 8,5% o orzamento de atención á discapacidade ata superar os 190 millóns de euros, o que permitirá asumir os incrementos derivados do novo convenio colectivo do sector.