Cerámica Campo recibe o selo Galicia Calidade pola súa aposta pola excelencia e a innovación na industria cerámica galega
A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, destacou a traxectoria e o esforzo da compañía por garantir a calidade, a sostibilidade e a fabricación responsable nas súas plantas de Lendo e Albixoi
Mesía (A Coruña), 05 de novembro de 2025
Cerámica Campo vén de recibir o selo de garantía Galicia Calidade para a súa gama de tellas e ladrillos, fabricados integramente nas súas instalacións de Lendo e Albixoi (A Coruña). Este distintivo acredita o cumprimento dos máis altos estándares de calidade, orixe e trazabilidade, e recoñece o compromiso da empresa coa excelencia e coa innovación no ámbito industrial galego.
A entrega da certificación tivo lugar nas instalacións da compañía e contou coa presenza da xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, quen destacou “a aposta de Cerámica Campo pola mellora continua, a innovación tecnolóxica e a responsabilidade ambiental como piares dun modelo produtivo sostible e competitivo”.
Durante o acto, Méndez salientou tamén que “Galicia Calidade recoñece o esforzo das empresas que manteñen o seu proceso produtivo en Galicia e que contribúen a fortalecer o tecido industrial da comunidade desde a calidade, a fiabilidade e a identidade galega”.
Fundada hai máis de oitenta anos, Cerámica Campo combina tradición e modernidade, empregando materias primas locais e tecnoloxía avanzada para ofrecer produtos cerámicos que destacan pola súa durabilidade, eficiencia e comportamento técnico. A súa aposta pola sustentabilidade e a eficiencia enerxética reflicte o compromiso da compañía cunha construción responsable e respectuosa co medio ambiente.
Grazas a esta certificación, Cerámica Campo poderá incorporar o selo Galicia Calidade nos seus produtos e accións de comunicación, reforzando a súa imaxe como empresa galega comprometida coa calidade e co desenvolvemento industrial sostible do territorio.
Sobre Galicia Calidade
Galicia Calidade é a marca de garantía integrada en Turismo de Galicia que certifica a calidade dos produtos e servizos que, pola súa elaboración en Galicia, pola súa materia prima ou deseño galegos, merezan esta distinción. Na actualidade, conta con máis de 170 empresas adheridas e máis de 880 produtos ou servizos avalados co selo de garantía, que engloban aos sectores agroalimentario, mar, turístico, xoieiro, industrial, xeotérmico e de planta ornamental.