Belén do Campo supervisa as melloras na envolvente da Casa do Concello de Teo que contaron cunha achega da Xunta de máis de 32.000€

A delegada da Xunta, acompañada pola alcaldesa de Teo, Lucia Calvo, subliñou que estas achegas enmárcanse no  compromiso da Xunta co eido local, especialmente cos municipios de menor poboación, xa que están destinadas a localidades de menos de 30.000 habitantes

Neste ano 2025 recibiron estes apoios , ademais, de Teo, Boqueixón, Val do Dubra e outras dúas axudas conxuntas de Rois e Brión e de Boqueixón e O Pino. O investimento total na comarca de Santiago é de máis de 185.000 euros

Teo (A Coruña), 5 de novembro de 2025

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada pola alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, visitou este Concello para supervisar o resultado das obras de reparación da envolvente exterior da Casa Consistorial realizadas co apoio da Xunta, a través da orde de Infraestruturas de uso público. A representante da Xunta explicou que o Goberno galego destinou máis de 32.000 euros a esta actuación.

Belén do Campo subliñou que a obra centrouse na envolvente térmica do edificio, incluíndo a cuberta, os balcóns e os cerramentos de fachada. As principais actuacións a realizar foron a restauración e pintado dos revestimentos da planta alta, asegurando a súa impermeabilidade e resistencia, a rehabilitación das xuntas dos sillares de granito na planta baixa, garantindo a estanqueidade da envolvente, o selado das albardillas perimetrais para evitar filtracións de auga, a eliminación de manchas por escorrentías e aplicación de tratamentos protectores nos paramentos exteriores e a mellora dos solados e acabados dos balcóns para evitar filtracións.

Neste sentido a delegada destacou que con esta intervención se conseguiu corrixir as deficiencias nos revestimentos exteriores para garantir a súa durabilidade e resistencia ás condicións meteorolóxicas, se mellorou imaxe exterior do edificio, potenciando o seu carácter institucional e a súa integración na contorna e se evitan novas filtracións de auga que poidan deteriorar a estrutura do inmoble e afectar á súa funcionalidade.

A representante do Goberno autonómico destacou que neste ano 2025 recibiron as achegas  desta orde de axudas cinco concellos da comarca de Santiago, ademais de Teo, Boqueixón, Val do Dubra e outras dúas axudas conxuntas de Rois e Brión e de Boqueixón e O Pino. O investimento total da comarca foi de máis de 185.000 euros.

 Orde de Infraestruturas 2025

Estas axudas que contaron cun orzamento en Galicia de 3.5 millóns de euros enmárcanse  no  compromiso da Xunta co eido local, especialmente cos municipios de menor poboación, xa que está destinada a localidades de menos de 30.000 habitantes. As achegas concedidas, por concorrencia competitiva, poden cubrir ata o 80% do gasto de creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais. Na provincia da Coruña recibiron estas achegas 34 concellos por un importe de case 1,2 millóns de euros.

Así, a convocatoria inclúe actuacións nas redes de alumeado público; a pavimentación de camiños públicos municipais; e as obras en prazas, parques, paseos e rúas. A estas engádense a creación ou rehabilitación de edificios ou dependencias municipais destinadas á prestación de servizos municipais, así como a mellora da súa accesibilidade ou a dotación de equipamentos destes edificios ou dependencias.

Orzamentos 2026 Administración Local

Belén do Campo lembrou que as áreas máis reforzadas da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes nos orzamentos de 2026, son as  que teñen que ver co apoio aos concellos, que contará con 26,5 millóns de euros, un 17% máis que neste exercicio.

O obxectivo é seguir desenvolvendo liñas de colaboración coas administracións locais, como esta orde de infraestruturas de uso público, o Fondo de Compensación Ambiental ou a orde plurianual de eficiencia enerxética cofinanciada con fondos Feder. A elas súmase como nova  medida o Banco municipal de maquinaria compartida, dotado cun millón de euros. Trátase dun proxecto piloto que busca facilitar que os concellos compartan equipamento especializado para o desenvolvemento de servizos públicos da súa competencia. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/11/2025