A Xunta presenta aos clubs lucenses a plataforma solidaria ‘Terra Move’ como ferramenta de mecenado deportivo
O secretario xeral para o Deporte e o delegado territorial de Lugo reuníronse con representantes de máis de 70 clubs da provincia para dar a coñecer esta iniciativa, pioneira en España, impulsada polo Goberno galego e a Fundación Amare Terra
Lugo, 5 de novembro de 2025
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, reuníronse con representantes de clubs deportivos da provincia para presentarlles a plataforma solidaria Terra Move, impulsada pola Administración autonómica en colaboración coa Fundación Amare Terra co obxectivo de facilitar o mecenado e a captación de fondos no ámbito deportivo.
O encontro desenvolveuse no salón de actos da Delegación Territorial e contou coa participación de representantes de máis de 70 clubs pertencentes a disciplinas como fútbol, baloncesto, atletismo, motociclismo, iudo, fútbol sala, pádel ou tenis de mesa, entre outras. Asistiu tamén o presidente da Fundación Amare Terra, Jesús Martínez.
Segundo se explicou na presentación, Terra Move nace como unha ferramenta dixital “gratuíta, innovadora e solidaria” para facilitar que clubs, federacións e deportistas poidan captar fondos e recursos para os proxectos que promovan a través da propia plataforma.
Trátase dunha ferramenta pioneira en España, “que permite que calquera persoa ou empresa pode apoiar ao deporte galego, de forma sinxela e segura, desde o seu teléfono móbil”. Cada entidade inscrita recibirá directamente os fondos para as súas respectivas campañas, mentres que as doazóns realizadas a través da plataforma poderán beneficiarse das deducións fiscais previstas na lexislación española.
O proxecto conta cun investimento da Xunta de 250.000 euros, o que supón o 45% do custo total previsto para o período 2025-2027, no que se desenvolverá ata a súa consolidación e proxección.
Os representantes autonómicos destacaron que Terra Move “sitúa a Galicia á vangarda do mecenado deportivo, ofrecendo ás entidades a oportunidade real de captar recursos e fortalecer a súa actividade diaria”.
O delegado territorial animou aos clubs lucenses a rexistrarse na plataforma e “aproveitar esta nova ferramenta que pon a tecnoloxía ao servizo do deporte e da solidariedade, e que contribuirá a potenciar e consolidar a actividade deportiva”.