Gómez Caamaño destaca que a unidade de raios móbil da área de Santiago xa realizou máis de 300 probas á veciñanza de Frades
O conselleiro de Sanidade refire que as radiografías están encargadas tanto desde atención primaria como hospitalaria e asistidas por intelixencia artificial, para apoio á interpretación de probas de fracturas e tórax
Reitera o compromiso da Xunta coa atención sanitaria do rural, apostando por garantir a accesibilidade e con investimentos para a dotación de novos servizos
Lembra que ademais da facultativa que atende de maneira diaria no centro de saúde de Ponte Carreira, hai outra profesional que reforza neste centro os luns e mércores e o resto de días atende no consultorio de Abellá
A Xunta ten o compromiso de cubrir todas as ausencias sempre que sexa posible, dada a situación de falta de médicos que existe a nivel de todo o Estado, e que é competencia do Ministerio de Sanidade solucionar
Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou hoxe no Pleno do Parlamento que a unidade de raios móbil da área de Santiago de Compostela xa realizou máis de 300 radiografías a 290 veciños e veciñas do concello de Frades.
Tal e como sinalou o titular da carteira sanitaria da Xunta, as radiografías están encargadas tanto desde atención primaria como hospitalaria e asistidas por intelixencia artificial, para apoio á interpretación de probas de fracturas e tórax.
Esta unidade móbil de radiodiagnóstico comezou a funcionar en novembro do pasado ano, logo dun investimento de preto de 370.000 euros, para dar cobertura a máis de 30.000 persoas de concellos rurais como Frades, Trazo, Mesía, Ordes, Santa Comba ou Tordoia.
Gómez Caamaño subliñou que a unidade realiza de media 130 probas diagnósticas por semana e supón evitar ao redor de 7.000 km en desprazamentos.
Atención sanitaria garantida
En resposta a unha pregunta sobre a atención sanitaria no Concello de Frades, o conselleiro explicou que este municipio ten preto de 1.800 usuarios da sanidade pública e dous centros sanitarios, o de Ponte Carreira e o consultorio de Abellá.
Ademais da facultativa que atende de maneira diaria no centro de saúde de Ponte Carreira, hai outra profesional que reforza neste centro os luns e mércores e o resto de días atende no consultorio de Abellá.
Cando unha facultativa non está, os pacientes son atendidos pola outra especialista de atención primaria. Polo tanto, reiterou o conselleiro, en ningún momento o municipio queda sen atención sanitaria.
A Xunta ten o compromiso de cubrir todas as ausencias sempre que sexa posible, dada a situación de falta de médicos que existe a nivel de todo o Estado, que é responsabilidade do Ministerio de Sanidade darlle solución.
Se hoxe existe atención sanitaria cunha praza en propiedade en Frades, referiu Gómez Caamaño, é grazas á lei de prazas de difícil cobertura da Xunta, que posibilita cubrir moitos postos no rural galego e nas zonas que máis difícil é atopar facultativos.
Compromiso co rural
Na súa intervención no Pazo do Hórreo, o conselleiro reiterou o compromiso da Xunta coa atención sanitaria do rural, apostando por garantir a accesibilidade e por medio de investimentos que supoñen a posta en marcha de novos servizos.
Así, recentemente a Xunta investiu máis de 50.000 euros para reformas e melloras dos centros sanitarios de Frades, mediante un convenio co Concello.
Tamén Frades está incluído no Proxecto Aloumiños, unha colaboración entre a Xunta e o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais no que o Executivo galego investiu 127.000 euros para previr a soidade non desexada detectada nos centros de atención primaria a través da promoción de hábitos de vida e contornas saudables.