O delegado territorial da Xunta supervisa o remate das obras da senda do Barbaña na zona da avenida Pardo de Cela, en Ourense
Manuel Pardo destacou que os traballos que se levaron a cabo nesta intersección adquiren unha gran importancia por tratarse dun enclave polo que transcorre o Camiño de Santiago no seu roteiro da Vía da Prata
As obras da senda do Barbaña forma parte do Eixo de mobilidade peonil e ciclista que a Xunta, cun investimento de 5,4 millóns de euros, está a desenvolver na cidade ourensá e que, unha vez completado, terá un total de 4 km de lonxitude e conectará numerosos puntos de interese
O delegado territorial puxo esta intervención como modelo do compromiso do Goberno galego por fomentar a mobilidade sostible nas cidades galegas, contribuíndo tamén á implantación de zonas de baixas emisións
Ourense, 6 de novembro de 2025
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, supervisou esta mañá en Ourense, acompañado de técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas, o remate das obras na zona da avenida de Pardo de Cela, dentro da actuación conxunta da nova senda do Barbaña, que conta cun investimento da Xunta de 5,4 millóns de euros.
O delegado territorial destacou que os traballos que se levaron a cabo nesta intersección adquiren unha gran importancia por tratarse dunha das principais vías de tráfico rodado de entrada e saída da cidade. Nesta liña, subliñou que neste enclave transcorre o Camiño de Santiago no seu roteiro da Vía da Prata, co cal tamén tívose en conta o tránsito de peregrinos nesta antesala da Ponte Vella, na marxe esquerda do río Miño, e por tanto, dentro do BIC do devandito monumento, lugar estratéxico de visita turística.
Manuel Pardo destacou que esta actuación tiña como obxectivo crear nesta contorna unha ampla superficie onde os cruces se poidan facer en múltiples direccións en condicións de seguridade. Para acadar este propósito, coordináronse os semáforos situados na zona do Pavillón Municipal dos Remedios e do Colexio Salesianos. Tamén se colocou sinalización podotáctil e se dispuxo de marcado viario e sinalización horizontal no cambio de rasante, zona de cruzamento de peóns e carrís de circulación de tráfico rodado.
O representante do Goberno galego lembrou tamén que as obras da senda do Barbaña forma parte do Eixo de mobilidade peonil e ciclista que a Xunta está a desenvolver na cidade ourensá e que, unha vez completado, terá un total de 4 km de lonxitude e conectará numerosos puntos de interese, entre eles, avenida das Caldas e a Ponte Romana, o paseo do Barbaña, Expourense e o Pazo dos Deportes Paco Paz, ao longo dun eixo norte-sur.
Durante a visita, Manuel Pardo puxo esta intervención como modelo do compromiso da Xunta para construír cidades máis accesibles no marco da estratexia global cara unha nova cultura de mobilidade urbana, buscando conectar equipamentos públicos como estacións intermodais, hospitais, centros administrativos ou neurálxicos das urbes, ofrecendo unha alternativa segura ao vehículo particular.
Estas actuacións do Eixo de Mobilidade de Ourense enmárcanse nos proxectos impulsados polo Goberno galego ao abeiro dos fondos Next Generation, destinados ao fomentar a mobilidade sostible nas cidades galegas, contribuíndo tamén á implantación de zonas de baixas emisións.