A Xunta achega 95.000 euros ao Concello de Viveiro para ampliar a maquinaria de obras municipais
O delegado territorial, Javier Arias, explica que o Goberno galego financiou a adquisición dunha retroescavadora con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental deste ano
Viveiro (Lugo), 6 de novembro de 2025
A Xunta de Galicia achegou 95.200 euros ao Concello de Viveiro para adquirir unha máquina retroescavadora destinada ao departamento de obras municipal.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e a alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, explicaron que o novo equipamento foi financiado pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental.
Trátase dunha máquina de tamaño compacto con altas prestacións, que se empregará no ámbito da construción, mantemento de infraestruturas viarias, labores de prevención de incendios forestais ou xestión de riscos naturais, entre outras funcións.
Dispón de varios complementos, entre os que destacan un brazo retroescavador, unha pala cargadora ou un martelo hidráulico.
Arias subliñou que esta dotación servirá para mellorar a capacidade operativa na execución de obras en Viveiro, ademais de contribuír á redución do gasto municipal en contratación de maquinaria externa.
O delegado apuntou que dentro da liña non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental deste ano, a Administración autonómica achega preto de 828.000 euros a financiar os proxectos promovidos por 13 concellos da Mariña.