Miguel Corgos comparte consellos de seguridade dixital cos finalistas do concurso `Ciberseguridade no cole!´

O obxectivo deste certame, na súa quinta edición, é concienciar aos escolares dos riscos no uso da tecnoloxía e ensinarlles boas prácticas en materia de ciberseguridade

O conselleiro de Facenda e Administración Pública respondeu ás preguntas do alumnado dos centros de primaria e secundaria que chegaron á final do concurso

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2025

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, compartiu hoxe consellos de seguridade dixital co alumnado finalista do concurso Ciberseguridade no cole!. A final do certame celebrouse na mañá de hoxe, venres, como unha das actividades do V Encontro Galego de Ciberseguridade, CIBER.gal.

O conselleiro compartiu cos rapaces e rapazas unha conversa informal na que se abordaron temas como a mellor maneira de actuar fronte o ciberacoso, como afronta a Xunta as ameazas á seguridade do sistema ou o mellor xeito de concienciar aos máis novos da importancia de protexerse fronte á ciberdelincuencia.

Os estudantes dos centros finalistas que participaron no encontro con Miguel Corgos foron, da categoría de primaria, o CPR Plurilingue Calasancias da Coruña, o CPI Plurilingüe do Carballal de Vigo e o CEIP Mestre Vide de Ourense. Da categoría de secundaria participaron estudantes dos centros Colexio Escolapios de Monforte de Lemos, CPR Plurilinüe La Merced de Sarria e CPR Plurilingüe Losada de Vigo.

No concurso, patrocinado por Telefónica no marco do CIBER.gal, participaron escolares de 10 a 14 anos co obxectivo de conciencialos sobre os riscos aos que se enfrontan no uso das tecnoloxías dixitais  e ensinarlles boas prácticas en ciberseguridade dun xeito ameno. 

CIBER.gal

A V edición de CIBER.gal péchase hoxe, venres, tras reunir a profesionais de recoñecido prestixio nacional e internacional, así como representantes do Parlamento Europeo, do Ministerio de Defensa e do Ministerio de Transformación Dixital, que achegaron a súa visión sobre os novos retos globais en materia de seguridade dixital.

Durante os tres días, grazas á colaboración do INCIBE, o público puido gozar da experiencia itinerante Road Show e visitar un expositor de ciberseguridade interactivo, pensado para achegar coñecementos e boas prácticas a todo tipo de públicos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/11/2025