A Xunta adxudica por máis de 111.000 € un programa pioneiro para promover a correcta xestión de residuos entre universitarios con vivenda compartida

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático porá en marcha o curso que vén este plan piloto, centrado nun colectivo de gran relevancia por atoparse nun momento vital de adquisición de hábitos propios de consumo e convivencia

A iniciativa desenvolverase nun período de 12 meses coa previsión de chegar a arredor de 1.000 estudantes da Universidade de Santiago e a unhas 250 vivendas

Ofrecerase formación práctica, entrega de material específico e retos participativos para fomentar hábitos sostibles, ademais de poñer á súa disposición unha plataforma dixital con contidos prácticos e actividades para probar o seu grao de implicación

A experiencia permitirá comprobar a efectividade de novas fórmulas de sensibilización ambiental e avaliar futuras posibles aplicacións noutras zonas e colectivos de Galicia

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2026

A Xunta adxudica en máis de 111.000 euros o deseño e posta en marcha dun programa pioneiro en Galicia de concienciación e cambio de hábitos en materia de xestión de residuos domésticos, dirixido a estudantes da Universidade de Santiago que residan en vivendas compartidas. O obxectivo desta iniciativa é avanzar na mellora da separación do lixo e reforzar a implicación cidadá na transición cara a un modelo de economía circular que prolongue a vida útil dos produtos. 

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático busca con este programa, que se desenvolverá nun período de 12 meses e co que se preve chegar a arredor de 1.000 estudantes e unhas 250 vivendas, modificar e promover hábitos cotiáns facendo partícipes de forma directa aos propios cidadáns. Neste caso, a iniciativa céntrase de forma concreta na mocidade universitaria que comparte vivenda, un colectivo de especial relevancia xa que se atopa nun momento vital de adquisición de hábitos propios de convivencia e consumo, ademais de ter un elevado potencial de continuidade e efecto multiplicador sobre o conxunto da sociedade. 

Así, e a través de diferentes medidas búscase trasladar a reciclaxe e a economía circular ao día a día do estudantado seleccionado coa promoción de hábitos prácticos, sinxelos e rutineiros vinculados á correcta separación dos residuos dentro das súas propias vivendas. 

Nesta liña, a execución do contrato terá carácter continuo pero desenvolverase en distintas fases, combinando accións de sensibilización, acompañamento e participación activa dos estudantes. Na primeira etapa realizarase o deseño e planificación da iniciativa establecendo alianzas con entidades colaboradoras, e complementarase o labor cunha estratexia de captación entre o alumnado e estratexias de comunicación e difusión para dar a coñecer o programa. Ademais, promoverase o contacto directo coas persoas participantes que recibirán materiais prácticos para facilitar a separación de residuos nas súas casas, así como tamén accións formativas, retos, dinámicas participativas e un sistema de acompañamento continuo. 

Neste sentido, habilitarase unha plataforma dixital específica desde a que se poderán realizar inscricións, acceder a contidos prácticos, participar en actividades e facer seguimento da implicación dos participantes e das vivendas adheridas á iniciativa. 

Xa na derradeira fase, impulsaranse accións dinamizadoras nas redes sociais e iniciativas de recompensas e recoñecemento para os estudantes máis participativos e para as vivendas que demostren máis implicación. Por último, farase unha avaliación final na que se recollerán os principais resultados e se elaborará unha memoria. 

Aposta pola sensibilización

Con esta actuación, a Xunta aposta por un modelo de sensibilización máis próximo, práctico e participativo, orientado a xerar cambios reais de comportamento e a converter á mocidade nun axente activo da transición cara a unha Galicia circular e sostible. Así, esta experiencia pioneira permitirá obter coñecemento práctico sobre novas fórmulas de intervención en materia de sensibilización ambiental, avaliando a posible aplicación a futuro noutros colectivos e ámbitos territoriais da Comunidade. 

Esta medida súmase a outras impulsadas polo Goberno galego para lograr unha maior implicación cidadá á hora de reducir a produción de refugallos, mellorar o seu tratamento e xestión ou darlles unha segunda vida a través da preparación para a reutilización. 

Data de actualización: 18/07/2026