José Ramón Parada interveu no acto de inauguración das XXX Xornadas da Sección de Psicoloxía e Saúde do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, celebradas na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela co lema 'Recalculando ruta'

O xerente do Servizo Galego de Saúde destaca que as contas da Xunta de 2026 permitirán contratar 21 novos psicólogos clínicos para atención primaria

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2025

O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, remarcou a aposta da Xunta pola saúde mental que se concreta en medidas como a creación de 21 prazas, previstas nos orzamentos da Xunta de 2026, para ampliar a rede de psicólogos clínicas en atención primaria. 

Así o indicou o xerente do Sergas no acto de inauguración das XXX Xornadas da Sección de Psicoloxía e Saúde do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, que hoxe tivo lugar na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.

O orzamento destinado á atención da saúde mental no próximo ano aumentará preto dun 8 %, chegando ata os 32,7 millóns de euros. Ademais, medrarán tamén as medidas e actuacións, tendo como punto de referencia o novo Plan de saúde mental que a Xunta porá en marcha o ano que vén para mellorar a capacidade de resposta do sistema sanitario a esta problemática crecente.

“Parabéns ao comité organizador polo lema escollido este ano, Recalculando ruta, porque a saúde mental está por fin no centro do debate sanitario e social”, afirmou José Ramón Parada.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/11/2025