A Xunta porá en marcha os laboratorios e centros demostradores en ciberseguridade do futuro CECIGA a principios de 2026
Prestarán servizos avanzados en ciberseguridade, apoiarán o cumprimento normativo, realizarán probas de produtos e servizos, impulsarán a creación de solucións innovadoras e ofrecerán formación especializada
Ademais, coordinarán a rede de laboratorios sobre transporte intelixente nos que participan universidades e centros tecnolóxicos e de investigación de Galicia
Estas dotacións situarán á Comunidade á vangarda en aspectos como a seguridade aérea de vehículos non tripulados ou a seguridade e fiabilidade dos vehículos autónomos terrestres
Esta rede enmárcase no proxecto RETECH no que participan Galicia, Cataluña e a Comunidade Valenciana para crear un Centro transrexional de Innovación e Competencia no ámbito da ciberseguridade
Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2025
A Xunta porá en marcha a principios de 2026 os laboratorios e centros demostradores en ciberseguridade do futuro Centro de Excelencia en Ciberseguridade (CECIGA). A actividade destes centros, que comezará na Cidade da Cultura mentres remata a construción do CECIGA, centrarase na prestación de servizos avanzados en ciberseguridade, no apoio ao cumprimento normativo, na realización de probas de produtos e servizos, no impulso a creación de solucións innovadoras e na formación especializada.
Así o avanzaron esta semana responsables da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) durante a celebración do V Encontro Galego de Ciberseguridade, CIBER.gal, no que explicaron que a Xunta disporá dun laboratorio con dous espazos especializados. O primeiro será un laboratorio e centro demostrador de ciberseguridade destinado a produtos con elementos dixitais cunha carteira de servizos específica, e o segundo, un laboratorio e centro demostrador especializado na ciberseguridade industrial coa súa propia carteira de servizos.
Rede de laboratorios
Ademais, estes centros coordinarán a rede de laboratorios sobre ciberseguridade en aspectos relacionados co transporte intelixente, co espazo aéreo de vehículos non tripulados, na que participan o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), a Universidade de Vigo (UVIgo), o Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG) e o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant).
O traballo desta rede permitirá situar a Galicia á vangarda en aspectos como a seguridade aérea de vehículos non tripulados, ou a seguridade e fiabilidade dos vehículos autónomos terrestres e coas tecnoloxías 5G e 6G.
O ITG vai encargarse do deseño e fabricación dun laboratorio móbil avanzado para auditorías de ciberseguridade do espazo aéreo de vehículos non tripulados (UAS) e do desenvolvemento de software para a detección de ciberameazas, caracterización e auditoría de ciberseguridade do espazo aéreo próximo e para simulación de ameazas.
A Universidade de Vigo o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia crearán un laboratorio demostrador conxunto coas tecnoloxías do Shuttle conectado (vehículo lanzadeira eléctrico e autónomo) para realizar simulacións e análise de ameazas de ciberseguridade asociadas á comunicación entre vehículos e infraestruturas.
Gradiant abordará a creación dun laboratorio especializado en validar os diferentes compoñentes dunha rede 5G e avaliará aspectos de ciberseguridade asociados a aplicacións e servizos no ámbito do transporte intelixente. Abordará tamén a posta en marcha dun laboratorio de ciberseguridade industrial.
Centro transrexional
Esta rede de laboratorios forma parte do proxecto para a creación dun centro transrexional de innovación e competencia no ámbito da ciberseguridade, no que, ademais de Galicia, participan Cataluña e a Comunidade Valenciana. Trátase dunha das iniciativas do Programa de Redes Territoriais de Especialización Tecnolóxica (Retech). Este proxecto Retech ten un orzamento de 58 millóns de euros, dos que cerca de 19 millóns corresponden a Galicia. Está financiado nun 75% a través do Retech e o 25% restante é aportado polas CCAA.
RETECH é unha iniciativa lanzada pola Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia artificial en agosto de 2022 a través dunha invitación pública. Os proxectos foron aprobados en decembro de 2022 con financiamento de fondos europeos Next Generation EU do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España.