A Xunta e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática reforzan a formación do alumnado en uso seguro de internet co programa ‘Navega con rumbo’
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e o presidente da entidade, Fernando Suárez, asinan o convenio para desenvolver unha nova edición desta iniciativa nos centros educativos
O programa chegará a 240 colexios e institutos con charlas de concienciación para o estudantado, profesorado e familias sobre prevención do ciberacoso e outros riscos
Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2026
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, e o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, Fernando Suárez, asinaron hoxe o convenio de colaboración para desenvolver durante o curso 2026/27 unha nova edición do programa Navega con rumbo, unha iniciativa que permitirá achegar a formación en ciberseguridade e do uso responsable das tecnoloxías a 240 centros educativos.
Este programa enmárcase na estratexia da Xunta para avanzar na transformación dixital do sistema educativo garantindo un uso seguro e responsable das ferramentas tecnolóxicas. Neste sentido, a Estratexia Educación Dixital 2030 recolle como unha das súas prioridades formar ao alumnado para que desenvolva competencias dixitais nunha contorna segura e responsable.
A través deste convenio, en cuxa sinatura tamén estaba presente a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, impartiranse 240 charlas de concienciación dirixidas ao alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria, 1º de ESO e 1º de FP Básica. O fin deste acordo, como afirmou o titular de Educación, é “proporcionarlles ferramentas para navegar por Internet de forma segura e previr situacións como o ciberacoso, a perda da privacidade, os fraudes dixitais ou outros riscos asociados á contorna en liña”.
Recursos para toda a comunidade educativa
Ademais das sesións presenciais, o programa contará cunha páxina web específica e cunha Guía de Boas Prácticas en Internet, dirixida ao alumnado, ás familias e ao profesorado. Este material estará dispoñible en formato dixital e tamén se distribuirá en papel nos centros educativos que determine a Consellería.
No marco deste acordo, Educación coordinará o desenvolvemento das actividades e promoverá a participación do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia nas accións de formación do profesorado relacionadas co uso seguro de Internet, a prevención do ciberacoso e os riscos da rede.
Pola súa banda, o Colexio será o responsable da execución técnica do programa, encargándose da organización e coordinación das xornadas, da elaboración das enquisas de satisfacción e dos informes de seguimento, así como de dotar os recursos humanos e materiais necesarios para o correcto desenvolvemento da iniciativa, baixo a supervisión da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.