A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático asinou esta semana co alcalde un convenio para garantir a entrada en funcionamento da rede

A Xunta e o Concello de Friol colaborarán para poñer en servizo a finais deste ano o sistema de saneamento e depuración do núcleo de Roimil

Augas de Galicia comprométese a realizar unha achega de 16.026 € para que o concello execute as obras que dotarán de subministro eléctrico ás instalacións

Ángeles Vázquez enmarca o acordo no apoio técnico e financeiro que ofrece o organismo hidráulico ás entidades locais para que poidan ofrecer un mellor servizo

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2025

A Xunta e o Concello de Friol colaborarán para dotar de subministro eléctrico o sistema de saneamento e depuración no núcleo de Roimil, unha obra executada por Augas de Galicia e cun investimento de 280.000 euros, cofinanciados entre ambas administracións. Deste xeito, a nova rede hidráulica podería entrar en servizo antes de que remate o ano 2025.

Así o acordaron esta semana a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e o rexedor municipal, José Ángel Santos, que asinaron un convenio de colaboración en virtude do cal o departamento autonómico se compromete a brindar apoio técnico ao concello e achegar os 16.026 euros necesarios para a acometida mentres que o Goberno municipal asumirá a execución e posterior xustificación das obras.

Cómpre lembrar que a mellora do sistema de saneamento e depuración no núcleo de Roimil tiña como obxectivo estender a rede de tratamento de augas residuais actual aos lugares do Campo da Feira, O Pazo, Currás e A Penagateira para dar servizo a 20 vivendas, que reúnen unha poboación equivalente de 200 habitantes.

A maiores e grazas ao convenio subscrito hoxe entre ambas administracións, Augas de Galicia achegará o financiamento necesario para poder executar a acometida á rede eléctrica das novas instalacións hidráulicas.

Ademais, a conselleira e o alcalde aproveitaron a súa reunión para ultimar outro proxecto de moito interese para o municipio en materia de augas. Concretamente, trátase dunha iniciativa para dotar de abastecemento á parroquia do Seixón, cun orzamento estimado en preto de 600.000 euros e en cuxo proxecto se están a facer os últimos axustes para, a continuación, poder programar a licitación da obra.

Neste sentido, a conselleira subliñou que aínda que a prestación deste tipo de servizos hidráulicos é unha responsabilidade de competencia municipal, a Xunta leva anos prestando o seu apoio técnico e financeiro aos concellos que o necesiten.

De feito, o orzamento de Augas de Galicia para 2026 sobe un 5,5%, ata os 151,7 millóns de euros e dedicará 7 de cada 10 euros a abastecemento e saneamento —108,7 millóns— e case a metade —73,6 millóns—, a mellorar ou construír infraestruturas hidráulicas.

En concreto, prestarase unha atención especial á situación dos núcleos rurais, con investimentos que en 2026 suman 17,8 millóns de euros —case un 40% máis que este ano— para dotar distintas áreas das catro provincias dos mellores servizos hidráulicos. O fin é acadar un rural sostible incidindo tanto nas contornas rurais dos grandes municipios como nos pequenos núcleos de poboación ou en zonas dispersas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/11/2025